A Deputación da Coruña e mailo Concello organizaron para a tarde deste venres 30 de xuño o obradoiro «Quen dixo medo?», co que se pretende mellorar a capacitación das mulleres para responder ante a violencia machista. Porén, ante a baixa inscrición e o feito de coincidir nun día xa de por si cargado de propostas, ambos organismos decidiron pospoñelo para o venres 28 de xullo entre as 11.00 e as 13.30h. Ofértanse igualmente 15 prazas e as inscricións poden facerse nas oficinas de Servizos sociais ou chamando ao 981 490 027 (ext.1).
Con «Quen dixo medo?» a Deputación está levando a cabo distintas actuacións nos concellos da provincia para abordar a violencia de xénero de forma integral. Entre os obxectivos da campaña está o de dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela.
Con esta actividade búscase xerar un espazo que lles permita ás mulleres participantes identificar as agresións analizando a súa orixe e, ao mesmo tempo, proporcionarlles habilidades e coñecementos para rexeitar calquera ataque físico que poidan sufrir na súa vida cotiá, xa sexa dentro ou fóra do fogar.
Na nota informativa do obradoiro resáltase como «fundamental» dotar ás mulleres dos mecanismos de defensa tanto físicos como psicolóxicos fronte a un posible agresor, «de xeito que a través das técnicas aprendidas poidan saír ilesas dunha situación de perigo».
Entre os obxectivos da sesión están a análise dos porqués da violencia sexista, a aprendizaxe de técnicas que permitan resolver con seguridade unha agresión, o reforzo da autoconfianza da muller e, por último -e, se cadra, o máis importante- concienciar ás participantes sobre os seus dereitos e capacidades «fomentando a seguridade mediante a eliminación de estereotipos sobre a debilidade física feminina».
O obradoiro impartirao persoal con especialización en materia de igualdade e en defensa persoal e estará dividido en dúas partes: unha teórica centrada no debate grupal e outra práctica que tocará cuestións de psicoloxía e técnicas físicas de autodefensa.
A actividade terá lugar nun espazo pendente de concretar -seguramente a Casa da Cultura- o venres 28 de xullo entre as 11 e as 13.30h. Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición dándolle prioridade a mozas e mulleres empadroadas no concello. Para apuntarse só hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) ou pasar polas oficinas de Igualdade e Servizos sociais.