O Concello de Narón e a Asociación de Veciños San Mateo colaboran coa Asociación Semente de Trasancos na “IV Romaría Pequeninha da Semente de Trasancos”, que terá lugar este domingo, día 25, no campo e local veciñal da parroquia de San Mateo. A organización deseñou un completo programa de actividades dirixidas a persoas de tódalas idades e que dará comezo ás 12.30 horas.
Ao longo de todo o día sucederanse diversas actividades que comezarán con teatro de marionetas, un obradoiro de bolas de xabrón xigantes e xogos populares, para dar paso a unha sesión vermú ás 13.30 horas coa Coral polifónica do Aturuxo de Melpómene. Haberá un xantar comunitario -para o que será preciso anotarse a través do número de teléfono: 635 939 533- a base de empanada, lacón asado, patacas, pan, bola, auga, viño e gaseosa (tamén comida vegana) a partir das 14.30. Xa pola tarde, ás 16.30, haberá unha nova sesión de xogos populares e ás 17.30 o espectáculo “Tropa de Trapo”, para pechar a programación con Circus Magníficus a partir das 18.30 horas. Desde a Asociación Semente de Trasancos explicaron que o espazo escollido para celebrar esta edición “son os arredores donde as crianzas da Semente aprenden durante todo o ano: o campo das festas e o local social da parroquia de San Mateo”. Esta entidade sen ánimo de lucro impulsa ao longo do ano numerosas actividades encamiñadas a promover as escolas de ensino en galego e o vindeiro ano terá un total de vinte e unha crianzas, tal e como indicaron.
“Ferrolterra ten o orgullo de ter un espazo Semente para nenas e nenos de 2 a 6 anos en galego, e cunha pedagoxía transformadora e igualitaria que comparte coas comarcas de Compostela, Vigo, Lugo e Ourense”, sinalan desde Semente de Trasancos. Actividades como a romaría programada para o vindeiro domingo permirirán ademais dar a coñecer esta asociación e o seu proxecto entre a cidadanía, ademais de gozar dunha xornada de ocio entre familiares e amigos, polo que desde a organización se anima á veciñanza a participar nesta convocatoria.