Por segundo ano consecutivo, o Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, reedita a súa aposta por Ocio Sol. Un programa de actividades deportivas para nenos e maiores durante os meses de xullo e agosto. As primeiras en ofertar, segundo explica o edil de área, Sergio Saavedra, son as actividades da piscina municipal de Lago, a ximnasia ao aire libre no entorno da Frouxeira e os cursos de tenis no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. O prazo de inscrición abrirase este mércores, 21 de xuño, ata o venres 23 e retomarase do 27 ao 30 deste mesmo mes. Os trámites deben realizarse na Concellería de Deportes –segunda pranta da consistorial- en horario de 9,30 a 13,30 h. Así mesmo, nos próximos días, o concelleiro avanza que se darán a coñecer as actividades náuticas previstas para este ano no encoro das Forcadas.
Na piscina, luns, mércores e venres, ofértanse cursos de iniciación (de 12,30 a 13,30 horas), intermedio (de 11,30 a 12,15 h) e perfeccionamento (de 10,30 a 11,15 h). Así mesmo, martes, xoves e venres haberá sesións de aquagym (de 10,30 a 11,15 h) e natación para adultos (de 11,30 a 12,15 h). A isto, súmase o nado libre previa inscrición. Todas as actividades levaranse a cabo en xullo e agosto, e a cota varía en función da actividade. As de dúas horas semanais ascenden a 7,37 euros (menores de 18 anos) e 8,86 (maiores de 18); as de 3 horas á semana sitúanse en 11,06 euros (para menores) e en 12,54 (maiores) e, as de 5 horas á semana, en 18,43 euros (menores) e 22,12 euros (maiores). As cotas son mensuais.
En canto ós cursos de tenis para nenos e nenas, celebraranse martes e xoves a partir das 10,30 horas en sesións dunha hora –en función da demanda e grupos confeccionaranse os horarios-. Terán o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, como escenario –en tanto se realicen as obras de adecuación do peche da pista deportiva da Frouxeira- e o custe da actividade é de 7,37 euros ao mes.
As sesións de ximnasia ao aire libre desenvolveranse no entorno do parque da Frouxeira, dirixidas a persoas adultas. De luns a venres de 10,15 a 11,15 horas e cunha cota mensual de 22,12 euros.