Goretti Sanmartín defende en Ortigueira e Cariño un novo modelo de cooperación cos concellos

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, xunto cos deputados Xosé Regueira e Xesús Soto, visitaron os concellos de Ortigueira e Cariño e reuníronse cos seus alcaldes Juan Penabad Muras e José Miguel Alonso ademais de con representantes dos grupos municipais cos que valorou o impacto positivo do Plan Único de Concellos na xestión dos municipios.

En Ortigueira

O Concello de Ortigueira recibe no presente ano un total de 1.624.368 € en achegas da Deputación da Coruña dos que 1.284.388 € proveñen directamente do novo Plan Único de Concellos o que supón segundo destacou na súa visita a vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei na xuntanza co alcalde Juan Penabad Muras e representantes dos grupos con representación no pleno, “unha nova forma de relación coas entidades locais ás que se lle outorga unha total autonomía de maneira que poden decidir o destino dos cartos públicos, sen a tutela provincial”.

Desta maneira, como se pode contemplar nas distintas partidas do Plan Único de Concellos, o Concello de Ortigueira destina unha parte importante da achega ao pago de provedores e redución da débeda con entidades financeiras, o que suporá un relevante paso no saneamento das súas contas. A través do Plan Único en Ortigueira estanse a sufragar tamén gastos correntes por un total de máis de medio millón de euros que se destinan a servizos como limpeza viaria, alumeado público, parque e biblioteca, centro que foi unha das paradas, xunto co Teatro da Beneficencia, da visita da vicepresidenta Goretti Sanmartín xunto cos deputados Xosé Regueira e Xesús Soto.

En canto aos investimentos, a través do Plan Único o concello decidiu acometer melloras no Pavillón Polideportivo, acondicionamento da Rúa Príncipe da Vila de Santa, ou a accesibilidade da residencia de maiores ademais da pavimentación de pistas.

Goretti Sanmartín destacou, ademais do impacto do Plan Único na maior autonomía, previsión e transparencia no reparto dos fondos públicos, a centralidade que na xestión da Deputación da Coruña están a ter as liñas de concorrecia competitiva cun reparto con criterios obxectivos polas que o concello de Ortigueira recibirá este ano arredor de 300.000 €. Destas subvencións beneficiarase, entre outras iniciativas, o Festival do Mundo Celta, un referente e un dos mellor valorados na nova liña dedicada a estes eventos de música, artes escénicas e audiovisual. A programación cultural chegará tamén a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña que programará en Ortigueira, entre outros espectáculos, concertos e proxeccións, o concerto da banda de Visantoña, a actuación de piano de Tamara Lorenzo, o espectáculo de Pedro Brandariz ou o monólogo de David Noya.

Vista a Cariño

A visita continuou por volta de mediodía no Concello de Cariño que este ano administrará os 335.145,89 € do Plan Único de Concellos dos que 207.471 dedicará a sufragar gasto corrente deixando 127.674 € para investimentos con destino a beirarrúas e outras actuacións no casco urbano, segundo se analizou na xuntanza mantida co alcalde José Miguel Alonso Pumar e representantes dos grupos con presenza na corporación municipal.

Ao importe total do Plan Único compre sumar 181.567 € de subvencións nas distintas liñas de concorrencia competitiva dos que 31.503,38 son para unha Rede Cultural que levara a Cariño actuacións de Banda de Música Santiago de Arteixo, a Banda Eduardo Pondal, McKuin: Tributo Queen, De vacas, Coanhadeira ou o Mago Antón e o Mago Teto entre outras propostas. En total, está previsto que a Deputación da Coruña destine ao Concello de Cariño un total de  547.712, 89 € a través de distintas liñas e do Plan Único de Concellos.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …