O xurado do XXI Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido na mañá deste martes nas instalacións do Museo do Humor de Fene, ven de dar a coñecer os nomes dos gañadores do certame na súa edición 2017.
O xurado -formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez, polos debuxantes Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Alberto Cardona Valcárcel (gañador do 1º premio categoría Curuxa 2016) e Cristian Fojón Caruncho (gañador do 1º premio categoría Curuxa Nova 2016), xunto coa coordenadora do Museo do Humor, Almudena Marcos e o xestor de Actividades Culturais do Concello, Daniel Romero (que actuou en calidade de secretario do certame)- acordou conceder os premios a:
Categoría CURUXA-NOVA (menores de 25 anos)
1.º Premio, dotado con 1.000 euros e diploma, ao traballo presentado co lema «Deepo». Aberta a plica, o seu autor resultou ser Andrés Simal Gonzáléz e o título da obra «Un paseo sobrenatural» . O xurado salientou “a súa temática, moi relacionada coa idiosincrasia propia do país, reflectida nun debuxo moi orixinal, no que destaca a súa excelente execución técnica e dominio da cor”.
2.º Premio, dotado con 500 euros e diploma, ao traballo presentado co lema «Señor Branco» . Aberta a plica, o seu autor é Andrés Garrido Martín e o título da obra «Triassic World» . O xurado valorou “a súa boa execución técnica, o traballo da cor e a expresividade do debuxo”
Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)
1.º Premio, dotado con 2.000 euros e diploma, ao traballo presentado co lema «Quené». Aberta a plica o seu autor é Borja Ramón López Cotelo e o título da obra « O mellor amigo do home». O xurado destacou “o seu debuxo sintético e equilibrado, así como o tratamento que fai da incomunicación derivada do abuso das novas tecnoloxías”.
2.º Premio, dotado con 1.500 euros e diploma, ao traballo presentado co lema «Morfeo». Aberta a plica, o seu autor resultou ser Andrés Meixide Gayoso e o título da obra «Beeeeeeenvidos». O xurado salientou “a súa capacidade de codificar a mensaxe con moi pouco texto, a boa resolución gráfica e o manexo da cor”.