Este sábado rematan os actos da recreación das Lendas da Pena Molexa, en O Val, Narón

Os actos centrais do programa da recreación das Lendas da Pena Molexa, deseñado polo Padroado da Cultura e a AVV “Os Irmandiños”, do Val, terán lugar este sábado no lugar de Vilasuso, na citada parroquia naronesa.

As actividades comezaron a desenvolverse  o pasado 2 de xuño, cunha charla sobre “O patrimonio do Val”, e continuaron os días 3 e 9 deste mes cun roteiro cicloturista polo Val e unha Andaina solsticial, respectivamente.

Este sábado ás 00.00 horas terá lugar a recreación das Lendas da Pena Molexa, nas inmediacións do Castro de Vilasuso e a Pena Molexa. Alumnado da Escola de Teatro de Narón participará activamente nesta actividade e será o encargado de representar a obra de teatro na que se explica a Lenda da Fada da Pena Molexa, que unha noite de verán se convertiu en rocha, na Pena Molexa.

Horas antes de que se represente a obra sucederanse diversas actividades. Ás 18.00 horas os asistentes poderán gozar dunha xornada de xogos populares e tamén do deporte rural, para a partir das 20.00 horas realizar unha parada para repoñer forzas nunha churrascada popular.

A festividade terá tamén un marcado carácter musical, e ás 22.00 horas actuará o grupo de música folc Tiruleque.

Unha vez que remate a representación da Lenda da Fada da Pena Molexa, sobre as 00.30 horas, darán comezo unha lumeirada e repichoca popular, coa que este ano, ao igual que en anteriores edicións, se porá fin á programación deste evento festivo, un dos máis recoñecidos do municipio. A convocatoria reúne cada ano a centos de persoas que participan nas actividades e gozan da música e dunha xornada de convivencia, así como das actividades organizadas para coñecer de primeira man boa parte do patrimonio cultural e etnográfico da cidade.

Desde o Padroado da Cultura de Narón e a AVV “Os Irmandiños” do Val convidan á veciñanza de Narón e comarca a gozar este sábadodos últimos actos programados para esta nova edición da recreación das Lendas da Pena Molexa.

Lea también

Apertura da inscrición en Narón no programa Informática Divertida (INDI)

O edil de Novas Tecnoloxías, Román Romero, anunciou que o Concello de Narón abre este …