O mal tempo volveu ameazar a carreira popular de San Sadurniño. Pero, a diferenza do ano pasado, nesta ocasión perdoou. Os trebóns intensos que caeron durante a noite déronlle paso a un ambiente de recalmón que só deixou ver algunha pinga sen importancia pasadas as 14.00h, cando xa estaba rematando a entrega de trofeos. A proba superou con nota o reto organizativo asumido nesta edición, con máis de 900 deportistas -un cento de deportistas máis que en 2016-. Finalmente foron Paula Mayobre e Amador Pena quen fixeron os mellores cronos no circuíto de 5 km.: Mayobre cubriu o trazado en 17.28 e Pena en 16.05.
A popular de San Sadurniño vai medrando case de maneira exponencial. Na súa primeira edición -a de 2014- houbo algo máis de 500 inscricións e tres anos despois achégase ao milleiro. As razóns do éxito hai que buscalas, quizais, no labor de difusión que se fai desde o CPI tanto entre o seu alumnado como entre o resto dos centros e clubes de atletismo da comarca; porén, ese éxito tamén reside en boa parte no propio trazado -completamente chan e nun contorno ideal para correr- e, hai que dicilo, en que as persoas implicadas na organización cada vez lle teñen máis collido o punto a unha actividade que levan meses preparando.
Igual que ocorrera en 2016, na carreira deste ano volveu notarsese unha certa aglomeración na saída da proba absoluta. Cómpre ter en conta que nela se incribiron 705 persoas e a pesar de que os primeiros 400 metros eran neutralizados, os compases iniciais da carreira tamén son o momento en que a xente máis competitiva aproveita para ir ganando unha boa posición de cara ao arranque do crono, situado uns metros antes do mesón A Granxa.
Freando o pelotón mentres non arrancase a proba de forma oficial marchaba un grupo de ciclistas do Biela e Chaveta que, ademais, tamén se encargaron de pechar tanto esta como o resto de competicións dunha mañá que comezou coa proba da categoría de Escolares A, tanto masculina como feminina. Tiveron que darlle dúas voltas a un circuito que non saía do arboreto de especies autóctonas. 1.000 metros que Manuel Piñeiro completou en 3.28 e Inés Arroyo -unha das sorpresas da xornada- fixo en 3.50 (10ª posición).
Tralo remate desta carreira foi cando saiu a dos 5 quilómetros, que englobaba todos e todas as participantes maiores de 13 anos, é dicir, Escolares B e C, Sub 23, Senior e as tres categorías de Veteráns. O percorrido iniciouse na estrada de Cornide cos xa mencionados 400 metros neutralizados, posteriormente os e as deportistas encararon a estrada de Ferreira para desviarse logo cara á Bidueda e, posteriormente, torcer á esquerda con destino a Intasa e volver de novo á estrada de Ferreira para repetir o ciclo Bidueda-Intasa antes de tirar de novo para o arboredo da Cortiña.
O Senior Amador Pena -do CD Vagalume Energía- foi o máis rápido en completar os 5 quilómetros, cun tempo de 16 minutos e 05 segundos -11″ menos que a marca do ano pasado-, seguido polo Veterán A do Atletismo Baiona Antonio Liébanas (a 6″) e o tamén Senior José Miguel Gómez (+13).
No apartado feminino, a Sénior Paula Mayobre conseguiu un crono de 17.28 (11ª na xeral), seguida na categoría por Inés Bereijo, Sub 23 do Ría de Ferrol cun tempo de 20.39 e o posto 73. En terceiro lugar, e posto 79º, chegou Valentina Araoz, do Fragas.
O remate da proba absoluta marcou un pequeno descanso para preparar as probas das categorías dos nenos e nenas máis pequenas. A de Benxamíns -tamén nun circuito no arboreto da Cortiña- saiu ás 13.00h. con victoria masculina de Javier Picos (1.12) e feminina de Alba Morales (1.23), os dous do Marineda Atlético. Nesta proba tamén subíu ao terceiro chanzo do podio a corredora local Icía Salgado. Posteriormente desenvolvéronse o resto de carreiras non competitivas de Pitufos e Biberóns, sen dúbida as que máis público xuntaron.
A entrega de trofeos iniciouse, puntual, sobre as 13.30h. Momento de recoñecer a colaboración de casas comerciais e outras entidades que colaboraron no desenvolvemento dunha carreira organizada polo Concello e o CPI coa axuda da Federación Galega de Atletismo.
A próxima semana, I Trail Concello de San Sadurniño
O departamento de Deportes organizou para o domingo 4 de xuño o I Trail Concello de San Sadurniño con dous circuítos que percorrerán parte do territorio de Naraío e Igrexafeita tocando o Forgoselo e os sendeiros do Río Castro.
Haberá tres posibilidades de participación: individualmente correndo 16,5 km., en parellas sobre a mesma distancia -correndo e dándolle o relevo logo a unha ciclista-, ou ben facendo en solitario un trazado de 27 quilómetros. Para participar na proba hai que inscribirse na web www.prueba-t.es antes do 30 de maio.