Catro equipos participarán o vindeiro sábado, día 27, no “XXIV Torneo de Balonmán Cidade de Narón” que se disputará no complexo polideportivo municipal da Gándara. Así o anunciaron esta mañá o edil de Deportes, Román Romero; o presidente do Club Balonmán Narón, José Oreona, e Beatriz Lourido, xerente da empresa Casa y Baño Star. O evento está organizado polo Club Balonmán Narón e conta coa colaboración de varias administracións, entre elas o Concello de Narón e da empresa Casa y Baño Star. A entrada a este torneo, é de balde, tal e como recordaron desde a organización.
Os equipos participantes son os clubes de balonmán: Narón, Xallas, Camariñas e Ártabro. Os partidos comezarán a disputarse ás 11.00 horas, nas categorías de infantil masculino, cadete masculino e alevín mixto, ata as 14.00. Xa pola tarde, entre as 16.00 e as 21.00 será o turno das categorías xuvenil e senior masculino. Haberá entrega de medallas e trofeos para os mellor clasificados.
Oreona agradeceu a colaboración do Concello de Narón, un ano máis, neste evento deportivo e tamén da empresa patrocinadora. Pola súa parte, a representante da citada firma, Beatriz Lourido, destacou a importancia de “apostar por este deporte” e manifestou o compromiso da empresa a respaldar este tipo de eventos.
Finalmente, o concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou o labor do Club Balonmán Narón, que conta cun equipo en Primeira Autonómica que este ano quedou quinto na clasificación, e animou á veciñanza a presenciar este partido o vindeiro sábado nas instalacións do polideportivo da Gándara.