O cuarteto de swing, boogie-woogie e dixieland Las Lollipops protagoniza este venres a segunda función do ciclo “Sons Diversos” que organiza a Concellería de Cultura de Fene no marco do programa “Cultura no Camiño”. A actuación comezará o venres 26 de maio, ás 20.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. De Conces, 20-22, Fene). A entrada será de balde e libre até completar o aforo (120 localidades).
Las Lollipops & piano rende homenaxe ao trío vocal “The Andrew sisters”, especialista en swing, boogie-woogie, e novidosos hits con selo persoal. Nos seus concertos, o grupo formado por Paula Romero, Marián Ledesma, Paty Lesta e Cristian Leggiero (piano), convida ao espectador “a vivir unha experiencia inolvidable, deixando patente a elegancia e o espírito da década máis glamurosa do século XX”.
O ciclo “Son Diversos» desenvólvese durante a segunda quincena de maio e primeira de xuño no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Trala actuación desta semana, o programa continuará o vindeiro venres, 2 de xuño, con Amparo Arias e Roger de Flor; feneses, irmáns e socios musicais, que amosan no seu espectáculo conxunto a súa particular maneira de entender a vida, a música e a arte a través de cancións dos seus respectivos traballos discográficos, con algunhas adaptacións de xoais ocultas do pop-folk galego e universal, a algún que outro poema musicado.