San Sadurniño correrá pola igualdade o último domingo deste mes

Carrera en San Sadurniño – Concello de San Sadurniño

O contorno do paseo fluvial acollerá o domingo 28 de maio a IV Carreira popular Concello de San Sadurniño, organizada pola área municipal de Deportes e o CPI de San Sadurniño. O obxectivo principal da xornada é promover o exercicio e a actividade física. Ademais, desde este ano, a carreira tamén pretende fomentar a igualdade de xénero na práctica deportiva e, por extensión, en todos os ámbitos da sociedade. A proba está aberta a todas as idades e a inscrición pode facerse ata o día 24 pola noite a través da web emesports.es. No caso de querer participar por equipos a data límite é o 22 de maio. A carreira pola igualdade –enmarcada ademais no circuíto Corre polo Norte– promete superar a cifra de participantes do ano pasado. A falta aínda de varios días para que pechen as inscricións xa leva rexistradas máis de 600 solicitudes. O tope organizativo está posto en 700 deportistas.

A saída da primeira carreira darase ás 11.10 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2005, 2006 e 2007-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2003/2004 e 2000/2002- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.40 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2008 e 2009- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2008/2009. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2012 e 2013- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A carreira organizada polo Concello e polo CPI contará coa asistencia de xuíces e xuízas de atletismo e as marcas cronometraranse con chips. Tanto estes dispositivos como os dorsais haberá que retiralos entre as 9.10 e as 11.10h. para a carreira absoluta -infantís de 2º ano e veteráns-, mentres que o resto de categorías deberán facelo media hora antes das súas respectivas probas. Outra opción é recoller a numeración en Decathlon Ferrol o venres de 17 a 22.00h. ou o sábado de 12 a 14.00h. Os dorsais tamén poden recollerse no colexio o sábado de 17 a 19.00h.

Todas as persoas inscritas estarán cubertas cunha póliza de responsabilidade civil e de accidentes deportivos. Ademais, a organización tamén disporá de servizos médicos e ambulancia desde unha hora antes do comezo das competicións e ata media hora despois de que remate o evento.

Só por participar todos e todas levarán un agasallo. As medallas e trofeos irán para o equipo gañador, para 11 categorías por idade máis -tres primeiros clasificados en masculino e feminino- e para os participantes masculino e feminino de maior idade.

O prazo de inscrición remata o mércores 24 de maio ás 23.59h. e pode formalizarse a través da web emesports.es, unha plataforma que recolle as inscricións e que permite facer o pagamento en liña con tarxeta de crédito ou débito. A comunidade educativa do colexio público poderá formalizar a inscrición no propio centro.

Para os menores a inscrición é gratuíta e os maiores de 18 anos deberán pagar 3 euros. As persoas que queiran participar por equipos deberán inscribirse individualmente e, posteriormente, co equipo correspondente sen que sexa necesario volver pagar a inscrición. O prazo para apuntar equipos finaliza tamén o 21 de maio, ben presencialmente no colexio público ou ben enviando un correo a c.equipossansa@gmail.com indicando o nome da formación, o nome e apelidos de cada compoñente, o sexo e se se trata dun equipo de San Sadurniño ou de fóra.

As persoas participantes na carreira poderán quedar xantar nunha carpa disposta no propio recinto pola Asociación Cultural DZ. A reserva poderá facerse a través do correo asociacionculturaldz@gmail.com ou chamando ao teléfono 649 381 132.

Corre polo Norte

A IV Carreira popular pola Igualdade Concello de San Sadurniño está organizada conxuntamente polo departamento municipal de Deportes e o colexio público, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación da Coruña, Navantia, os concellos de Ferrol e Narón, o club Biela e Chaveta, o club Castro de Lobadiz, a ANPA do centro, e as empresas SEDEGA e Fisioterapia Sansastur.

A proba forma parte, ademais, do II Circuito Corre polo Norte, que levará o atletismo por varios concellos da contorna, desde Valdoviño ata Mañón. A primeira carreira do itinerario desenvolverase este sábado, 20 de maio, en Cedeira. A seguinte será o 27 en Cariño, despois a de San Sadurniño e xa en xuño tocaralle a vez a Moeche -sábado 10- e a Valdoviño o día 11. As tres últimas probas celebraranse o 2 de xullo en Cerdido, o 12 de agosto en Ortigueira e o 3 de setembro en Mañón.

O circuito prevé premios en metálico para a ganadora e ganador absolutos da rolda de oito carreiras. Hai máis información na web www.prueba-t.es.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …