O Concello de San Sadurniño insta ao SERGAS a que cubra de forma estable a baixa laboral dun dos médicos titulares do Centro de Saúde

O Concello de San Sadurniño acaba de remitirlle á xerencia do SERGAS unha carta na que se lle trasladan as queixas veciñais provocadas polos cambios constantes do persoal facultativo que substitúe a un dos médicos titulares do Centro de Saúde. Unha situación «anormal» que se vén reproducindo desde hai medio ano e que, tal e como se sinala na misiva, «é fonte de desconfianza» para as persoas usuarias. A petición municipal -que atende a un rogo presentado polo PSOE no último pleno– insta á xerencia do Servizo Galego de Saúde e á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ferrol a que se cubra a baixa de forma estable.

O texto cursado esta mañá expón que desde o mes de decembro de 2016 un dos médicos titulares do Centro de Saúde de San Sadurniño se encontra de baixa laboral e que a súa praza se estaría cubrindo mediante «un sistema rotatorio que impide que o persoal facultativo sexa sempre o mesmo«.

Neste sentido, a carta asinada por Secundino García lamenta que as substitucións non se estean facendo de maneira que se lle dea continuidade ao persoal e, polo tanto, tamén «confianza» e «tranquilidade» ás persoas usuarias.

Desde o Concello considérase «urxente» poñerlle fin a unha situación que «non responde a ningunha razón económica ou orzamentaria«, senón que -prosegue a carta- «responde en exclusiva á vontade que exista desde o departamento competente«.

No comunicado ínstase ao xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, «a adoptar as decisións necesarias» para proceder á cobertura da praza «con persoal facultativo estable» mentres o médico titular se encontre de baixa.

Lea también

Se activa el campamento de verano gratuito «Neda concilia»

El Ayuntamiento de Neda activa, un año más, durante el mes de julio su campamento …