O espectáculo “Percubebé” chegará o vindeiro 31 de maio a Narón. O local social do Alto do Castiñeiro acollerá esta iniciativa, enmarcada no proxecto Apego, e para a que é precisa inscrición previa, que se poderá formalizar a partir de mañá xoves, día 18, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, a través do correo electrónico: n.bacelo@naron.es ou do número de teléfono 981 337 700 (extensión 1516). A actividade, impulsada na localidade pola Concellería de Ensino e Bibliotecas a través do citado Servizo, diríxese a nenas e nenos de 0 a 4 anos.
A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que se desenvolverán dúas sesións, unha que comezará ás 18.15 horas e outra ás 19.15, ambas dirixidas a un aforo máximo de trinta menores. Terán prioridade á hora de inscribirse as familias que forman parte do proxecto Apego, tal e como apuntou a edil.
“Percubebé” é un espectáculo musical no que as nenas e os nenos se relacionan coa música tradicional e os instrumentos propios da cultura galega, experimentando así cos diferentes sons. A cita inclúe ademais unha serie de exercicios e xogos de movemento cos que traballar a coordinación e os reflexos dos menores mediante arrolos, cantos e danza.