Valdoviño conmemora este domingo o Día das Letras Galegas con contacontos e un concerto

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, conmemorará o Día das Letras Galegas o vindeiro domingo, 21 de maio, cun completo programa de actividades na Casa da Cultura. O alcalde, Alberto González, invita á veciñanza a tomar parte na cita, que arrancará con entrada libre ás 18 horas. Será co contacontos de Bandullo Azul e a súa peza “Filipa cos contos”. Está recomendado para nenos e nenas de 3 a 12 anos e, co actor Fran Campos ó frente, o espectáculo combina contos, música e monicreques.

A compañía de teatro e clown Bandullo Azul achega unha sesión filipante de contos para toda a familia, na que as historias tradicionais, a música e o humor repártense entre os dous contadores que se suben a escea: o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa. E, entre o repertorio, algún dos contos infantís do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Carlos Casares. A galiña azul ou as historias do neno inventor Toribio.

De seguido, o alcalde presidirá a entrega de agasallos ós gañadores do II Concurso de Relato Curto e Debuxo Concello de Valdoviño-Letras Galegas 2017, dirixido á comunidade escolar.

E, ás 19 horas, concerto homenaxe a Carlos Casares a cargo de Xardín Desordenado. Un recital con cancións nas que se inclúen diversos textos do autor.

O sábado, Festival da ACR A Frouxeira

Así mesmo, a Casa da Cultura albergará o día antes, sábado 20, o Festival das Letras Galegas organizado pola ACR A Frouxeira. Dará comezo ás 18,30 horas e nel actuarán a rondalla Perla del Río de Perlío e a formación Los Nostálgicos.

Lea también

El Cine Alovi de As Pontes acoge la pieza teatral Alta Costura

Alta Costura la última creación de la firma Elefante Elegante, reflexiona con un lenguaje gestual, …