AFAL invitou aos escolares do CEIP A Solaina a poñerse na pel dunha persoa afectada de alzhéimer co seu circuito

Circuito de AFAL no CEIP A Solaina – AFAL Ferrolterra

AFAL Ferrolterra levou esta mañá o seu Circuito do Alzhéimer ao CEIP A Solaina, en Narón, no que participaron estudantes de 5º curso de Educación Primaria. A presidenta da entidade, Ana María López, explicou que esta actividade enmárcase no programa O Alzhéimer na Escola. Un proxecto divulgativo para achegar a enfermidade de alzhéimer á comunidade escolar.

Esta mañá, a logopeda Silvia Loureiro impartiu unha charla informativa no colexio, acompañada de proxeccións e imaxes e, posteriormente, invitou aos nenos e nenas a participar no Circuito do Alzhéimer de AFAL. A través do mesmo, os estudantes puideron facerse unha idea de como se sinte a persoa afectada pola enfermidade. O Circuito, que guían diferentes profesionais e voluntarias da entidade, consta de cinco estacións onde se propoñen diferentes probas, como tentar poñerse unha chaqueta con tres ou catro mangas; escribir sinxelos exercicios nun papel cun guante de boxeo; encestar unha pelota nunha canasta coas mans atadas ou subir uns pequenos escalóns con zapatos de paiaso. Unha forma de ver as dificultades que os afectados atopan en actos tan rutinarios do día a día debido ao deterioro ou perda de facultades. E unha efectiva fórmula de concienciación en torno ao alzhéimer que calou moi positivamente entre os escolares que participaron na actividade.

Pero o proxecto non se quedará aquí, xa que o vindeiro martes AFAL regresará ao centro para ofrecer ó alumnado de segundo de Primaria o contacontos con monicreques “A avoa necesita biquiños”. Unha obra coa que achegar ós estudantes desta franxa de idadea enfermidade.

Nesta liña, Ana María López invita aos centros educativos de Ferrol e comarca interesados en acoller este circuito a facérllelo saber á entidade, a través do teléfono 981 37 06 92.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …