“N de Narón, a festa das Letras” é a proposta coa que o Concello de Narón conmemorará o Día das Letras Galegas. A programación da festividade desenvolverase os días 16 e 17 de maio, reservando a primeira xornada para o público xuvenil e adulto cun concerto, e a segunda para o infantil e familiar, cunha gran variedade de propostas relacionadas coas letras que se desenvolverán a partir das 11.30 e tamén pola tarde, desde as 18.00 horas. O Padroado da Cultura de Narón, organismo do que é vicepresidenta Marián Ferreiro, e as concellerías de Ensino e Bibliotecas, e Festas, presididas por Mercedes Taibo e Mar Gómez, respectivamente, colaboraron no deseño desta programación. Desde o goberno local animouse á veciñanza a participar nestes actos, que terán lugar baixo unha gran carpa que se ubicará na Praza da Lectura, en Santa Icía.
O martes día 16 abrirase o programa de actos cun concerto de Caxade, que dará comezo ás 21.30 horas. O galego Alonso Caxade e a súa banda estarán en Narón para interpretar un completo repertorio musical cargado de pop-folk e con temas nos que tamén se misturan outros estilos. Caxade conta cun amplo currículo profesional, iniciado na música no ano 2012 e estando nominado a premios como os “Mestre Mateo” e “Galegos de Música”. Foi premiado no “Martín Códax 2016” na categoría de folque; no “Certame de Música Xove” e na categoría de Mellor artista nos “XIII Premios Opinión”. O seu primeiro traballo discográfico, “A Dança dos Moscas”, editouse no ano 2013 e desde entón sacou ao mercado os álbumes “A Dança dos Moscas ao vivo”, coa Banda de Música da Bandeira (2015) e “E isto é o amor” (2016). Será un concerto no que os aires pop se misturarán coa música tradicional galega.
Na xornada do mércores 17, o propio Día das Letras Galegas, que este ano se adica ao escritor ourensán Carlos Casares, os actos comezarán ás 11.30 horas, coa representación da obra O vendedor de fume, a cargo da compañía Teatro Ghazafelhos. Este espectáculo, cargado de humor, conta a historia dun vendedor de remedios que chega a unha vila e os oferta á veciñanza para curar males, axudado por uns pícaros cómplices que estarán entre o público. A maxia e a música en directo estarán tamén moi presentes neste espectáculo.
Ás 12.30 horas dará comezo unha sesión de DJ infantil, a cargo de “Picadiscos María Faltri”. A música infantil galega conta entre os seus referentes con María Faltri, vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco. Chegará a Narón como unha picadiscos de música infantil, ofrecendo aos nenos e nenas unha escolma da mellor música infantil galega. O público cantará e bailará ao son destas cancións, divertíndose e aprendendo un amplo repertorio de cancións grazas aos libros da mini biblioteca ambulante de Faltri.
Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas dará comezo o espectáculo Brinca Vai!, con Paco Nogueiras. O protagonista amosará ao público un amplo abano de estilos musicais, todos eles con marcadas influencias tradicionais galegas. O público terá a oportunidade de implicarse nesta atractiva proposta, na que compartirán protagonismo a lectura, a expresión musical e corporal e a creatividade artística, sempre cun marcado ton de diversión.
Por último, para pechar a programación, ás 19.00 horas terá lugar o espectáculo músico-teatral Fantasía con palabras, de María Faltri e Jorge Juncal. Dous músicos –Jorge Juncal e Juansy Santomé- unha voz –a de María Faltri- e un actor –Lois Soares- protagonizarán este espectáculo con letras e música en directo. O abecedario estará moi presente nas diferentes escenas e cancións, con versos cheos de fantasía. Este espectáculo baséase no libro Fantasía coas palabras, publicado pola editorial Galaxia.
Así mesmo, o 17 de maio as persoas que se acheguen á Praza da Lectura terán a oportunidade de visitar e participar nun espazo de lectura que se habilitará baixo unha segunda carpa, con obras de Carlos Casares e tamén doutros autores homenaxeados en anteriores anos con motivo do Día das Letras Galegas.