A Deputación achega 75.000 euros para financiar o servizo de socorrismo nas praias de Valdoviño durante o verán

Valentín González Formoso e Alberto González tras a sinatura – Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña subvencionará con 75.000 euros o servizo de socorrismo das praias de Valdoviño durante a tempada estival. Esta achega provincial representa algo más do 62% do custe total do servizo, que este ano ascende a 120.000 euros para garantir a seguridade nas praias do Rodo (Pantín), A Frouxeira, Meirás, O Baleo, Vilarrube e Campelo.

O presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio que articulará esta colaboración e que sitúa a Valdoviño “como un dos municipios que máis inviste na seguridade das súas praias”, segundo afirmou González Formoso, que destacou a importancia de que os concellos podan contar con efectivos suficientes que garantan a seguridade dos bañistas e lles permitan manter distincións como a bandeira azul.

Neste sentido, Formoso destacou o “importante esforzo económico” que realiza a Deputación, cun investimento de 110.000 euros incluído no Plan de Emprego Local (PEL), para financiar 90 cursos oficiais de formación de socorristas que “ademáis de contribuír á inserción laboral de moitas persoas desempregadas da provincia servirán para solventar en parte a falta de socorristas nas praias galegas durante os periodos estivais”. Estas carencias supuxeron graves problemas durante o pasado verán, como o aumento dos percances en praias ou a retirada da bandeira azul a varios areais da provincia, que non conseguiron contar con servizo de vixiancia por falta de profesionais cualificados.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, agradeceu a colaboración da Deputación para facer da localidade un dos concellos con praias máis seguras, nun municipio que conta con 25 quilómetros de litoral e cinco praias distinguidas con bandeira azul, entre elas as de Pantín e A Frouxeira, cunha notable afluencia de bañistas na época estival, polo que contarán con servizo de socorrismo ata o 7 de setembro.

O rexedor lembrou tamén que a Deputación financia, cunha achega de preto de 30.000 euros a contratación de persoal para levar a cabo as tarefas de limpeza das praias, co obxecto de que se atopen nas mellores condicións antes do verán, así como o mantemento e mellora das casetas dos socorristas.

Un mínimo de dezanove socorristas este verán

Segundo explicou o alcalde, un mínimo de 19 socorristas velarán pola seguridade das praias de Valdoviño este verán grazas ao acordo entre a Deputación e o Concello. A Frouxeira contará cun mínimo de seis efectivos, seguida de Pantín con catro. Ambas os dous areais contarán cun profesional co título de patrón de embarcación. Vilarrube contará con polo menos tres socorristas, mentres que Baleo, Meirás e Campelo contarán con dous socorristas titulados en cada praia. O horario mínimo do servizo será de 12.00 a 20.00 horas, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto; agás en Pantín e Frouxeira, onde se estenderá ata o 7 de setembro.

O Concello de Valdoviño dotará ademáis aos profesionais con medios suficientes para desenvolver a súa labor e atender as emerxencias que se poidan producir. Ademáis de dúas embarcacións, o servizo de socorrismo contará con maletíns de osixenoterapia, férulas inchables, taboleiros espiñais con cepo cervical, padiolas portátiles, carretes de rescate, mascarillas de RCP ou mantas térmicas, entre outro material.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …