Éxito organizativo de Brío no seu terceiro torneo de ximnasia rítmica

Instante do torneo – Club Brio

Éxito rotundo do III Torneo Brío de ximnasia rítmica que se disputou durante a xornada do sábado no pavillón municipal de San Sadurniño. Por varias razóns: a calidade das exhibicións, a organización –louvada por público e equipos– e pola grande cantidade de público que asistiu ao evento, que xuntou 25 equipos de toda Galicia e case medio milleiro de deportistas. Todo un reto loxístico superado con nota pola asociación e o club deportivo Brío, que continúa desta maneira fomentando o crecemento da rítmica e do baile moderno tanto en San Sadurniño como no resto da comarca.

Nas redes sociais, as entidades organizadoras expresaban a súa satisfacción co resultado dun torneo que, malia contar con só tres edicións “xa é un dos eventos deportivos máis importantes que se celebran no noso concello”. De feito, se en 2015 -ano do primeiro torneo- se reuniron 90 participantes, neste 2017 o número aproximouse a 500. Unha cifra que dá conta da dimensión do evento e idea do traballo organizativo que require durante meses.

O torneo comezou puntual, ás 10.00h., para desenvolver durante a mañá as competicións nas categorías adscritas a escolar. Xa pola tarde celebráronse os apartados de promoción e de base, que finalizaron arredor das 20.00h. Ademais, entre as probas tamén houbo varias exhibicións de danza que completaron unha xornada en que o pavillón polideportivo foi un constante ir e vir de xente, coas bancadas cheas en todo momento. Neste sentido, o torneo trascendeu a actividade do recinto repercutindo ademais na hostalaría dos arredores.

O club e maila asociación Brío mostraron o seu agradecemento a través das redes sociais “aos patrocinadores e colaboradores, aos pais e nais, ás adestradoras e coreógrafas, a todos os clubs participantes e a todos os que dunha ou doutra maneira colaboraron para que este III Torneo saíra adiante”.

Estas entidades tamén felicitaron “a todos os participantes”, cunha mención especial para a rapazada dos seus equipos “que nos fixeron disfrutar e emocionarnos cos seus exercicios e coreografías”, engadindo un “para a próxima…máis e mellor”, que resume o seu compromiso de continuar traballando a prol da rítmica e da danza no municipio e no resto da comarca, onde xa son un referente en formación e competición.

O evento contou coa colaboración do Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña e varias firmas comerciais de dentro e fóra do concello.

Lea también

El Baxi Ferrol visita este miércoles Milán en la ida del playoff de la Eurocup Women

Empieza la fase decisiva de la Eurocup Women para el Baxi Ferrol, visitando al GEAS …