O Padroado da Cultura de Narón e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, celebrarán mañá o Día dos Maios. Máis de 1.300 escolares de centros do municipio e persoal de asociacións veciñais e culturais das zonas urbana e rural traballaron nas últimas semanas na elaboración dos Maios que mañá se poderán ver na cidade a través de actividades impulsadas desde o Padroado da Cultura, con obradoiros de arte floral e unidades didácticas sobre esta tradicional celebración. Desde a organización agradeceuse de novo a colaboración de todas as persoas que se implicaron nesta convocatoria e animouse á veciñanza a asistir mañá aos actos programados con motivo desta cita festiva.
A programación deseñada para festexar na cidade a chegada da primavera comezará ás 16.30 horas no Centro Cívico Social de Piñeiros, donde se concentrarán os Maios realizados este ano tanto por escolares do municipio como desde as diferentes entidades veciñais e culturais. Ás 17.00 horas a comitiva dos Maios partirá cara á Praza de Galicia pola estrada de Castela e unha vez rematado o traxecto poderanse ver os Maios, sobre as 18.00 horas, na citada praza. Alí estarán tamén integrantes dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura, que se encargarán do apartado musical desta festividade, e persoal de Areosa, que a partir das 18.30 horas ofrecerá un chocolate ás persoas que acudan á Praza de Galicia a ver os Maios.
Este ano unha das novidades é a elaboración dun gran mosaico floral, de 15×15 metros, tamén na Praza de Galicia. O artista naronés Leandro Lamas será o encargado de realizar o deseño sobre o que se comezará a colocar flor ás 10.00 horas. Poderán colaborar no labor de colocación da flor todas aquelas persoas que así o desexen, desde o inicio desta tarefa ata que se remate o mosaico floral, tal e como se indicou desde a organización.