Comercio e hostalería darán o mellor de seu na XII edición da Fashion Night

(Foto: Galicia Ártabra).

Máis de 120 establecementos comerciais e hostaleiros do barrio da Magdalena involucráronse activamente na celebración dunha nova Fashion Night, que terá lugar o vindeiro día 28, venres, a partir das oito da tarde. Será a duodécima edición dun evento que sempre consegue atraer a miles de ferrolás e encher as rúas do centro.

A edición deste ano conta cun estímulo moi especial, a presenza da prestixiosa compañía Nova Galega de Danza. O establecemento El Armario de Carol, situado no número 47 da rúa Real, conseguiu traer ao centro da cidade unha agrupación con vinculacións ferrolás e que está a triunfar en escenarios de todo o mundo co seu último espectáculo “Son”. Nova Galega de Danza, coñecida por facer unha personalísima fusión de tradición e vangarda, actuará en dous pases, ás 22.30 e ás 23.00 horas, diante do citado establecemento.

A Fashion Night será unha vez máis toda unha exhibición de vitalidade. Haberá actividades de rúa en 39 mazás do barrio da Magdalena, á marxe dos descontos, degustacións e todo tipo de promocións que os establecementos ofrecerán aos seus clientes de portas adentro.

Trópico de Grelos, unha das mellores bandas de percusión de Galicia, estará xunto con Dixie Band, Parranda la Nuestra, Omelyan Grabets, o Coro Diapasón e outros moitos grupos musicais animando as rúas ferrolás. Actuarán tamén as escolas de danza da cidade, o grupo de patinaxe Sobre Rodas, e os alumnos da escola coruñesa Tango Tangente, como nova incorporación ao programa.

Tamén haberá photocall, unha das actividades máis celebradas polo público en cada edición, e farase público o fallo do Concurso de Debuxo Pantín Classic-Fashion Night, que contou coa participación de colexios de toda a comarca. Ambas cousas serán no Set da organización, que estará situado un ano máis na rúa Real, entre Concepción Arenal e Terra.

A Fundación Curemos o Parkinson porá a nota solidaria no programa na categoría de “expositores”, formada por asociacións sen ánimo de lucro que colaboran de balde na festa do comercio e a hostalería ferrolá.

A Fashion Night está organizada polo Centro Comercial Aberto A Magdalena e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, co apoio do Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Comercio.

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …