A Biblioteca de San Sadurniño xuntará lectura e igualdade na conmemoración do Día do Libro

Rosa Caramelo – Concello de San Sadurniño

A celebración do Día Internacional do Libro cadra este ano en domingo e por iso a Biblioteca Municipal de San Sadurniño programou dous eventos dirixidos á rapazada máis pequena do concello que terán lugar na Casa da Cultura o venres 21 e o luns 24. Son dúas sesións de contacontos que se centran na promoción da lectura, pero tamén na concienciación en valores como son a igualdade e a corresponsabilidade. As ambas actividades forman parte do programa da Consellería de Cultura «Ler Conta Moito«.

O venres pola mañá, a iso das 10.45h., a Casa da Cultura acollerá a peza «Dada o Duende«, quen deleitará aos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos cun repertorio de contos marabillosos nos que se traballarán valores como a convivencia e a igualdade. En palabras da coordinadora da biblioteca, Anabel Gavín, trátase «dunha forma divertida de fomentar o hábito lector entre os máis pequenos a través destes contos máxicos».

O luns, un día despois do San Xurxo, será a vez de «Rosa Caramelo e outras historias«. Tamén é un espectáculo de narración oral aínda que pensado para rapazada un pouco maior, xa que a el asistirá alumnado do CPI con idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos.

«Rosa Caramelo e outras historias» dálle a volta a papeis e estereotipos de xénero. Artur Trillo -dirixido por Paula Carballeira- contará varios relatos «como o dos bonobos con lentes, Artur e Clementina, e Unha feliz catástrofe, de Adela Turín«, tal e como explica a bibliotecaria municipal. De feito, Rosa Caramelo é o título dunha obra de Turín e Nella Bosnia publicada orixinariamente en Italia hai máis de catro décadas e editada aquí por Kalandraka. É un álbum ilustrado que conta a historia dunha elefantiña que se rebela contra a tradición de que as elefantas teñan que medrar nun cercado, cheas de lazos de cor rosa, comendo flores e coidando a súa pel rosada, e prefire ir cos elefantiños, que poden comer herba fresca, xogar polos prados e enzoufarse na lama.

Nesta montaxe composta de catro historias –a de Rosa Caramelo e outras tres– combínanse a palabra e a música en directo, tratando de crear unha atmosfera adecuada «para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes». Búscase, polo tanto, fomentar a lectura pero tamén falar unha vez máis de coeducación, igualdade e da ruptura co concepto aínda moi enraizado de que existen «cousas de nenos e cousas de nenas«.

Lea también

Diez días de Entroido en Ortigueira con actividades para todas las edades

  El Concello de Ortigueira ha presentado el programa del Entroido 2025, que se celebrará …