O recinto feiral do Trece acollerá o vindeiro sábado, día 22, a primeira edición da “Carreira popular de orientación Cidade de Narón”, organizada polo Concello e o clube Gallaecia Raid e na que colaboran diversas entidades e empresas. O edil de Deportes, Román Romero, e Pablo López, en representación da citada entidade, presentaron esta mañá o evento, no que participarán duascentas dez persoas procedentes de diversos municipios de Galicia. O edil de Deportes de Narón valorou o respaldo que obtivo este evento deportivo, destacando o éxito en canto á participación nesta primeira edición. Así mesmo, Romero animou á xente a desprazarse ata Sedes para ver estas probas, abertas a todos os públicos, “algo que non é moi habitual nas carreiras de aventura”, apuntou.
López explicou que para a carreira deste sábado en Sedes se habilitaron un total de tres percorridos, para que poida participar xente de diferentes idades. O Infantil (ata 12 anos) será de dous quilómetros e desenvolverase de 18.30 a 19.30; o Medio (para adultos ou persoas acompañadas por un adulto e no que se pode participar a título individual ou en grupo) será de cinco quilómetros e entre as 18.15 e as 20.00 horas, e o Longo (só para adultos) será de once quilómetros e desde as 18.00 ata as 20.00 horas, tal e como indicou o representante do clube Gallaecia Raid.
Os participantes guiaranse por un mapa que recibirán cinco minutos antes do comezo da proba e que non poderán ver ata que reciban a pertinente autorización dos organizadores. Ao longo de cada un dos percorridos instalaranse unha serie de balizas que os participantes terán que atopar seguindo as ubicacións indicadas no mapa. Deberán anotalas nunha tarxeta que entregarán ao remate da carreira para que a revise o persoal de control. Ao finalizar as probas entregaranse trofeos aos mellor clasificados.
O edil de Deportes de Narón avanzou que o vindeiro mes de maio terá lugar unha proba de series mundiais de carreiras de aventuras na que tamén se implicará o concello naronés, donde se establecerá un punto de transición para os participantes. “De aí xorde esta carreira popular de orientación que terá lugar o sábado e a aposta da Concellería de Deportes por dar a coñecer os deportes de orientación entre a cidadanía”, apuntou. Así mesmo, Romero recordou que hai tan só dúas semanas se impartiu unha charla no colexio do Feal explicando en qué consiste a carreira deste sábado e animando aos rapaces e rapazas a que participen neste tipo de probas deportivas.