San Sadurniño abre o prazo de iscrición no VIII Tetramaratón deportivo do día de Xoves santo

Instante da Tetramaratón – Concello de San Sadurniño

Despois de oito edicións o Tetramaratón de San Sadurniño é practicamente un clásico deportivo co que se lle dá a saída ás vacacións da Semana Santa. Trátase dunha competición dura na que se xuntan equipos de mocidade sá e peituda con outros feitos ad hoc por xente menos nova e, nalgúns casos, tan destemida das lesións como dos petiscos e a cervexa entre partido e partido. O premio é o de menos, o que presta do tetramaratón é o pique por saber quen é mellor a todo. Ou polo menos, quen será o equipo máis regular na mañá do xoves 13 de abril. As inscricións xa poden facerse na Casa da Cultura ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal remitíndolle cuberta a correspondente ficha. O prazo remata o 10 de abril.

Os encontros comezarán ás 9.30h. no pavillón municipal e nas pistas do colexio e desenvolveranse ata primeiras horas da tarde da xornada do Xoves Santo. Hai catro disciplinas distintas -volei, fútbol sala, baloncesto e hóckey herba- adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que poderán ser mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores/xogadoras e un máximo de seis.

O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple.

No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.

As inscricións son obrigatorias e poderán facerse ata o luns 10 de abril entregando na Casa da Cultura a folla correspondente en horario de 9.30 a 14.00 horas. Tamén é alí onde nos facilitarán máis información ao respecto de como se desenvolverá o tetramaratón. A participación é gratuíta e haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O equipo gañador recibirá un cheque de 50 euros por deportista para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.

O VIII Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes e Ensino coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica xestionada pola Deputación da Coruña.

Lea también

El Racing y el Levante se enfrentan este viernes en A Malata

El Levante UD visita en la noche de este viernes 22 A Malata, un duelo programado …