Integrantes da corporación local de Narón, encabezada pola alcaldesa accidental, Marián Ferreiro, participaron hoxe xunto con persoal laboral e funcionario do Concello nunha concentración en repulsa do atentado que tivo lugar onte en Londres. No acto, que deu comezo ás 12.00 horas ante a porta principal do Consistorio, os asistentes gardaron un minuto de silencio en sinal de repulsa dos feitos e como mostra de dó polo suceso, no que morreron catro persoas e resultaron feridas unhas corenta, algunhas delas de gravidade.
Unha das vítimas mortais foi Aysha Frade, unha muller de 45 anos, con raíces galegas, concretamente de Betanzos de onde é nativa a súa nai, que tamén vive en Londres. Un home que intentaba entrar no palacio de Westminster arrollou a varios peóns cun vehículo, que circulaba a gran velocidade pola ponte de Westminster e que se empotrou contra a verxa do Parlamento, tal e como apuntaron fontes policiais. O home foi abatido pola policía.