Os alumnos de Centieiras descobren con Carme Romero a verdadeira historia das meigas galegas

Carme Romero cos escolares – Concello de Fene

Dende hai uns días pode visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene a mostra “Meigas, sabias e mulleres boas”, composta por pezas en cerámica modeladas pola artista local Carme Romero. O venres a autora da obra recibiu a visita do alumnado do CEIP Centieiras, a quen lles explicou tanto as lendas que rodean estes persoeiros da cultura galega como a maneira en que ela crea as súas figuras. Porén a actividade escolar non rematou aí, senón que os nenos e nenas farán as súas propias versións das meigas de Romero para expoñelas despois ao carón das orixinais.

Meigas, sabias e mulleres boas” son obras en cerámica policromada que non se cinguen unicamente a representar figuras femininas, senón que a muller tamén se integra noutros elementos e mesmo se asocia con motivos da natureza e formas conectadas coa Terra, matriarca en último caso de todo o que hai darredor. Caras e formas que tratan de reflectir un episodio ou unha vida destas mulleres que, segundo a autora, “non teñen nada que ver co concepto de bruxa que ten a maioría da xente”.

Carme Romero busca reforzar a memoria colectiva ao respecto destes persoeiros, ameazados hoxe pola iconografía comercial do Halloween. “Estas son as meigas galegas e tiñan un papel importante de axuda na sociedade”,aseguráballe Romero hai algún tempo ao xornal.

A exposición abriu na véspera do Día Internacional da Muller e, de feito, vén ser tamén unha homenaxe á meiga como peza fundamental da sociedade tradicional galega e, en sentido máis amplo, ás mulleres donas do seu destino que atesouraban –e atesouran, porque segue habéndoas– saberes ancenstrais para a sanación de corpos e almas.

Meigas, sabias e mulleres boas” recibiu o venres a visita duns 60 nenos e nenas dos primeiros cursos do CEIP Centieiras. Rapazada moi noviña á que Carme Romero lle explicou isto mesmo pero de xeito que o entendesen, incidíndolles moito en que as meigas son parte da nosa cultura e que non gardan parecido coas bruxas de gran no nariz e sombreiro de pico que poboan as series animadas e a versión importada do Samaín.

Alén da parte cultural, a visita do alumnado de primaria tamén se centrou no proceso creativo das figuras. A autora explicou como se fai o deseño, o modelado, a cocción e o pintado das obras. Consellos valiosos que os nenos e nenas deberán poñer en práctica. E é que nos próximos días eles e elas tamén farán figuriñas de meigas e menciñeiras que despois traerán á Casa da Cultura para expoñelas coas de Romero.

As dúas mostras convivirán na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura desde o 27 de marzo ata o 7 de abril, logo de que a área de Cultura decidise ampliar uns días a exposición de Carme Romero. Os horarios de visita: de 10 a 13 e de 16 a 21.00h. de luns a venres e os sábados de 10 a 13.00h.

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …