“Adeus ríos, adeus fontes” reunirá medio milleiro de nenos e nenas en Fene

Acto do ano pasado – Concello de Fene

O 21 de marzo é o Día Internacional dos Bosques e o 22 celébrase o Día Mundial da Auga. Dúas datas sinaladas polas Nacións Unidas coas que se pretende por de manifesto, dunha banda, a importancia da preservación dos montes e selvas como filtros ambientais e fonte de recursos sustentable e, doutra, a necesidade de nos concienciar coa auga como un ben prezado que non se debe malgastar nin contaminar. Mensaxes claras sobre o ambiente que o Concello de Fene levará aos colexios o luns 20 e o mércores 22 de marzo a través do programa “Adeus ríos, adeus fontes”. Este é o segundo ano que se celebra e agárdase a participación duns 550 nenos e nenas.

A iniciativa desenvolverase en todos os centros escolares do municipio e está pensada principalmente para o alumnado de 1º a 4º de educación primaria. O luns 20 de marzo terá lugar no CEIP de Sillobre -9.30h.- no CEIP Centieiras -10.30h.- e no CPR Jorge Juan ás 12.00h. O mércores 22 trasladarase ao CEIP Os Casais -9.45h.-, ao CEIP O Ramo -11.05h.- e ao CPI A Xunqueira ás 12.15h.

“Adeus ríos, adeus fontes” ten dúas partes. A primeira é un contacontos, titulado nesta ocasión “Unha árbore vén vernos” na que o actor e narrador Anxo Moure interpreta ao Tío Teixo. O ancián chegará na compaña da súa mula de madeira Caramula e viaxará canda á rapazada ata o bosque dos soños para salvar as árbores e, de paso, “a tenrura que vive no bosque e da que se alimentan os seres máxicos”.

Trátase dunha sesión na que os nenos e nenas non só gozarán dos contos interactivos de Moure, senón que tamén poderán xogar a colorear láminas. Ademais, aproveitando a visita do Tío Teixo, cada centro recibirá cinco exemplares do libro «Caramula e o carpinteiro dos soños».

A segunda parte da proposta da Concellaría de Medio Ambiente para os colexios consiste nun convite para que, ao remate do contacontos, a cativería participe na plantación dunha árbore. Neste sentido, o Concello facilitaralles aos centros interesados tanto a árbore como persoal municipal para a plantación.

Os colexios teñen decididas xa que árbores van poñer na terra: en Sillobre unha pereira, en Centieiras un loureiro romano e un érbedo, na Jorge Juan plantarán unha cerdeira, nos Casais optaron por un teixo, no Ramo porán un caqui e na Xunqueira plantarán unha figueira, unha camelia e un érbedo.

O programa “Adeus ríos, adeus fontes” celebra os días internacionais adicados aos bosques e a auga en colaboración coa comunidade educativa e con dous obxectivos principais: destacar a relevancia das árbores e dos bosques como filtros ambientais que protexen o chan, reciclan auga e limpan o aire, ademais de ser protección ante o cambio climático e fonte sustentable e renovable de recursos; e, no caso da auga, xerar conciencia sobre a súa importancia para a vida no planeta e sobre a necesidade de non contaminala e aproveitala de xeito racional.

Lea también

Tras varios días de búsqueda fue localizado el cadáver del octogenario desaparecido en Ortigueira

Tras una intensa búsqueda iniciada el pasado viernes, sobre las cinco de la tarde de …