Ata o 31 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de praza para novas incorporacións na Escola Infantil Municipal “A Rolada” de cara ao curso 2017/2018. Este segundo período de peticións –o anterior estivo aberto para reservas entre o 1 e o 15 de marzo– está pensado para as familias que vaian ter un meniño ou unha meniña proximamente ou para aquelas que queiran inscribir as criaturas no centro por primeira vez. A documentación para as solicitudes de ingreso haberá que entregala na oficina de Igualdade en horario de mañá. Tamén alí nos facilitarán información sobre o centro e sobre as axudas municipais destinadas ás familias usuarias no curso 2016/17. A convocatoria oficial das bolsas da EIM publicarase nuns días, tan pronto como o orzamento municipal acade a aprobación definitiva. A partida ascende a 8.000 euros e ás familias pode supoñerlles ata un 50% de aforro.
A EIM A Rolada ofrece de cara ao curso 2017/2018 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.
A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de dúas a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde ou xornada de dúas horas só pola tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.
Cómpre ter en conta que as familias empadroadas no municipio poderán beneficiarse das axudas que convoca anualmente o Concello e que, dependendo do seu nivel de renda, poden chegar a cubrir ata un 50% dos custes de escolarización. O periodo correspondente ao curso 2016/2017 -os nenos e nenas que están agora na escola- aínda non está aberto, xa que primeiro deberán estar aprobados definitivamente os orzamentos municipais. Neles hai reservada unha partida total de 8.000 euros e nos próximos días, cando entren en vigor as contas municipais deste ano, publicarase a convocatoria. As familias que obteñan praza no curso que arranca en setembro (o 2017/2018) deberán agardar á convocatoria de axudas que lles toca, é dicir, a que se publicará probablemente a primeiros de 2018.
Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza/nova incorporación pódese acudir ao propio centro –981 490 369– ou pasar pola oficina de Igualdade, coa que tamén se pode contactar a través do 981 490 027 ext.1. Iso si, a presentación de solicitudes só se poderá facer no departamento de Igualdade.