Os colexios de Fene participan nas xornadas de “Atletismo divertido”

Atletismo Divertido en Os Pinares – Concello de Fene

A Concellaría de Cultura e Deportes de Fene proponlles aos centros de ensino do municipio a iniciativa “Atletismo divertido”, coa que se pretende promover entre a rapazada o coñecemento das distintas disciplinas do atletismo e incentivar a práctica deportiva na infancia. Os nenos e nenas da Jorge Juan, dos Casais, do Ramo, de Centieiras e da Xunqueira probarán 9 modalidades nun evento que se desenvolverá este xoves e mailo venres no recinto deportivo dos Pinares, en Perlío.

Non se trata dunha competición –non se tomarán tempos nin marcas-, senón dun encontro para que a rapazada entre en contacto dun xeito divertido con deportes dos que, se cadra, oiu falar pero que nunca practicou.

Por iso se preparou un circuíto lúdico que recolle a práctica de salto lateral, de lanzamento de precisión –para nenos e nenas de 1º a 3º-, de lanzamento de peso –de 4º a 6º-, unha xincana de obstáculos, a posibilidade de facer lanzamentos de xavelina –de escuma, para que ninguén se manque-, de facer salto de lonxitude, de participar en carreiras de velocidade e de valos e mesmo en relevos 4×80.

As xornadas de “Atletismo divertido” escolar encherán o campo de céspede de forma simulánea para que a cativería estea probando e cambiando de actividade constantemente.

Para darlle cabida aos centros de ensino programáronse dous días. O xoves xuntaranse o colexio Jorge Juan, o CEIP Os Casais e o CEIP O Ramo. O venres tocaralles ao CEIP Centieiras e ao CPI da Xunqueira.

O Concello faise cargo do transporte do alumnado e do profesorado e, ademais, o persoal de Cultura e Deportes será quen se encargue de organizar o circuíto.

A actividade “Atletismo divertido” escolar é unha iniciativa que busca descubrirlles aos nenos e nenas modalidades deportivas que ben poderían ser consideradas como minoritarias en comparanza co omnipresente fútbol. Ademais tamén se cumpre o obxectivo de fomentar a práctica deportiva na infancia como un hábito saudable tanto para o desenvolvemento do corpo como da mente.

Lea también

Equiocio Ferrol impulsa la promoción de la Costa das Ondas con una nueva jornada de bautismos de surf en Esmelle

La playa de Esmelle acogió hace unos días una nueva edición de los bautismos de …