O Foro Ferrol Vivo informa de que a campaña que iniciou o pasado mes de febreiro “Sálvao cun selfie”, enmarcada dentro das accións de recuperación de espazos degradados, rematará no prazo dunha semana, nomeadamente o día 20. Por iso, o FFV fai un chamamento á participación cidadá nesta iniciativa, que consiste en facer selfies (ou fotografías convencionais) de edificios, rúas ou calquera outro tipo de espazo que se atope en mal estado e que se considere urxente e necesaria a súa recuperación. Estas imaxes –ata un máximo de tres por persoa– deben enviarse a unferrolvivo@gmail.com, e serán subidas posteriormente ás redes sociais –en Facebook a páxina é Foro Ferrol Vivo e no Twitter @unferrolvivo-. A imaxe que teña máis “me gusta” será a elixida para protagonizar debate propio nunha das xornadas de recuperación de espazos degradados. De feito, a foto gañadora anunciarase na II Xornada de Recuperación de Espazos Degradados, prevista para o día 25 de marzo.
Ata o momento, foron 18 as fotos diferentes enviadas, sendo o edificio da antiga sede da Comandancia Naval e o Rena as únicas repetidas. E precisamente o primeiro dos edificios, situada no porto ferrolán, é o que vai en cabeza no número de “me gusta”, seguido a bastante diferenza polo coñecido como Chalé de Canido, e a antiga porta de Bazán. As instalacións de FIMO ocupan a cuarta posición e na quinta comparten posto a antiga sede de Aduanas, a parcela da Fábrica de Lápices, as rúas de Esteiro Mac Mahón e Carlos III e o carril bici de Caranza.