O domingo 26 de marzo Moeche acollerá a Feira do Queixo, unha segunda edición que reafirma a súa aposta polo queixo artesán de calidade, pola poteciación dun produto propio do municipio, o Queixo de Moeche, así como dun xeito moi especial ensta edición polos novos valores galegos e os mestres queixeiros, co fin de consolidarse como cita anual no ámbito da produción do queixo.
Esta nova edición conta cun notable aumento de produtores de queixo respecto ao da ano anterior así como de novidades que se irán avanzando nos próximos días. A piques de pechar a inscrición un total de 28 produtores, 21 de queixo, 4 de pan e 3 de mel confirmaron a súa presenza na nave do recinto feiral para ofrecer os mellores queixos, queixo graso, fresco, tetilla, curado, semicurado, azul, etc, queixos de Moeche, a comarca, Cuntis, de Castela, do Caurel, de Arzúa, produtores de queixo de León, de Suiza, Italia e Francia, etc… acompañados de produtores de mel de Galicia e de pan e doces artesáns.
A partir das 10.00 da mañá a feira abrirá as súas portas ata as 17.00 horas. Celebraránse degustacións e presentacións das máis recentes novidades na produción de queixo no noso país.
A xornada acollerá a actuación do grupo de música tradicional Encrucillada, e ao longo do día desenvolveránse varios obradoiros infantís de mañá e tarde para entretemento dos máis novos e rematará a xornada co espectáculo do Mago Charlangas.
Convócase o Concurso de receitas de queixo, con dúas modalidades, receitas salgadas e doces, que se deberán presentar o mesmo día 26 antes das 11.30. As bases pódense consultar na web municipal.
O Concello solicitará de novo aos establecementos hosteleiros a súa implicación ofrecendo ese día pinchos elaborados a base de queixo de Moeche. Así mesmo, desde o Concello están a xestionar a organización con FEVE do Tren do Queixo, unha oferta que tivo unha excelente acollida na pasada edición.