O Concello de Fene logra a cesión dos terreos estatais de San Valentín

Terreos cedidos ao Concello de Fene – Concello de Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o delegado en Galicia do Ministerio de Economía y Hacienda, Ángel Rodríguez, rubricaron na mañá deste venres na Coruña o convenio de cesión da maior parte dos terreos ribeiraos do barrio de San Valentín. En concreto son 27.980 m2 comprendidos entre a segunda liña de sendeiros do paseo marítimo e a avenida do Mar onde se asentan o parque e as pistas polideportivas descubertas, pero tamén o pavillón e o CPI A Xunqueira. Como parte do acordo o Concello deberá continuar mantendo a utilidade pública dos terreos.

O alcalde manifestou esta tarde a súa satisfacción pola sinatura do documento xa que, ademais de obter a titulariedade dos terreos, para o Concello tamén supón “maior facilidade á hora de realizar tarefas de mantemento e outras intervencións”.

Segundo asegura Juventino Trigo “ter esta superficie en propiedade aforraralle ao Concello moitos trámites e ter que agardar polas autorizacións da Demarcación de Costas cada vez que haxa que facer algo na zona”.

Trigo lembra tamén que co acordo de cesión culmina un proceso aberto hai dous anos, cando o pleno municipal se pronunciou a favor de solicitarlle a Costas o traspaso das preto de tres hectáreas de terreo sobre as que se atopan equipamentos como o polideportivo municipal ou o colexio público integrado da Xunqueira.

A superficie desafectada –27.980 m2– abrangue un rectángulo case perfecto delimitado entre a avenida do Mar e o segundo sendeiro do paseo, de maneira que, tralo acordo, os cerca de 125 metros de dominio público marítimo-terrestre se verán reducidos a unha faixa duns 20 metros.

Os termos do convenio estipulan que o Concello de Fene se compromete a manter a finalidade pública dos bens e a non transmitilos de ningún xeito. Un estremo que o ente municipal deberá acreditar dentro de tres anos e, posteriormente, cada cinco. Ademais tamén se acorda facer constar na identificación dos terreos que se trata dunha cesión da Administración General del Estado para usos públicos.

O acordo asinado co delegado do Ministerio de Economía y Hacienda sinala que a cesión será permanente e gratuíta, aínda que será o Concello quen asuma atramitación e os custes da regularización rexistral.

Lea también

Fene reafírmase no 25N: feminismo en acción contra a violencia machista

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a …