O equipo co que o Triatlón Ferrol se proclamou subcampión galego de dúatlon contra o reloxo, con reforzos veteranos, compite esta fin de semana no campionato de España de dúatlon da especialidade e no Estatal por relevos.
Os junior Marcos Ruiz e Iván Puentes, o sub-23 Pablo Pedrosa e os veteranos David García, Juanchi González e David Arias conforman a selección ferrolá elite. Eles correrán e rodarán xuntos de forma equilibrada coa posibilidade de que dous duatletas se sacrifiquen polo equipo para que só os catro mellores entren en meta no menor tempo posible. Na xornada dominical, o Triatlón Ferrol prevé aliñar como relevistas a Marcos Ruiz, para colocarse nos postos dianteiros desde a primeira posta, a Pablo Pedrosa, quen destaca pola súa regularidade, e a un explosivo Iván Puentes para rematar a faena do equipo.
En categoría escolar, os elixidos son Juan Rejas, Yago Suárez, David Campos, Jorge Morado, Jesús Rodríguez e Carlos Pedrosa.
Na proba open, o Triatlón Ferrol contará con Iker Pita, Marcos Caneiro, Luis Rilo, Borja Catrufo, Gonzalo Jiménez e Carlos Cándano.
O campionato de España de dúatlon contra o reloxo dará comezo este sábado en Boiro ás 13:02 horas con 5 km de carreira, 18 km de ciclismo e 2,5 km finais a pé –en categoría escolar, 2,5 km de carreira, 9 km de bici e 1,5 km a pé -. O domingo, o campionato de España de dúatlon por relevos desenvolverase desde as 9,00 horas nun percorrido de 1,5 km a pé, 5,3 km de ciclismo e 750 km de carreira para cada un dos tres relevistas.