“Adeus ríos, adeus fontes” convida aos colexios feneses a participar nas súas actividades

Concello de Fene

O 21 de marzo é o Día Internacional dos Bosques e o 22 celébrase o Día Mundial da Auga. Dúas datas sinaladas polas Nacións Unidas coas que se pretende por de manifesto, dunha banda, a importancia da preservación dos montes e selvas como filtros ambientais e fonte de recursos sustentable e, doutra, a necesidade de nos concienciar coa auga como un ben prezado que non se debe malgastar nin contaminar. Mensaxes claras sobre o ambiente que o Concello de Fene levará aos colexios o 20 e o 22 de marzo a través do programa “Adeus ríos, adeus fontes”.

A iniciativa desenvolverase en todos os centros escolares do municipio e está pensada principalmente para o alumnado de 1º a 4º de educación primaria.

Adeus ríos, adeus fontes” ten dúas partes. A primeira é un contacontos, titulado nesta ocasión “Unha árbore vén vernos”. O actor e narrador Anxo Moure é o Tío Teixo, quen viaxará ata o bosque dos contos acompañado da rapazada para salvar as árbores e, de paso, “a tenrura que vive no bosque e da que se alimentan os seres máxicos”.

Trátase dunha sesión na que os nenos e nenas non só gozarán dos contos interactivos de Moure, senón que tamén poderán xogar a colorear láminas.

A segunda parte da proposta da Concellaría de Medio Ambiente para os colexios consiste nun convite para que, ao remate do contacontos, a cativería participe na plantación dunha árbore. Neste sentido, o Concello facilitaralles aos centros interesados tanto a árbore como persoal municipal para a plantación.

A actividade desenvolverase o día 20 de marzo no CEIP de Sillobre -10.00h.- no CEIP Centieiras -11.30h.- e no CPR Jorge Juan ás 12.30h. O día 22 trasladarase con eses mesmos horarios ao CEIP Os Casais, o CEIP O Ramo e ao CPI A Xunqueira.

O programa “Adeus ríos, adeus fontes” celebra os días internacionais adicados aos bosques e a auga en colaboración coa comunidade educativa e con dous obxectivos principais: destacar a relevancia das árbores e dos bosques como filtros ambientais que protexen o chan, reciclan auga e limpan o aire, ademais de ser protección ante o cambio climático e fonte sustentable e renovable de recursos; e, no caso da auga, xerar conciencia sobre a súa importancia para a vida no planeta e sobre a necesidade de non contaminala e aproveitala de xeito racional.

Lea también

Se tramita en Neda la asistencia al programa «Juntos por Navidad»

El Ayuntamiento de Neda tramita, un año más, el programa autonómico “Juntos por Navidad”. Se …