O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, e o presidente do Club de Remo Narón, Ignacio Cabana, presentaron esta mañá en rolda de prensa a vixésima edición do “Trofeo de Bateis Cidade de Narón”. A proba deportiva desenvolverase o vindeiro 11 de marzo, a partir das 15.00 horas, na enseada da Gándara, e está prevista a participación duns catrocentos regatistas pertencentes a catorce clubes procedentes do norte de Galicia, que participarán na Liga territorial norte. Cabana agradeceu esta nova colaboración do Concello naronés, a través da área de Deportes, nesta proba.
Os regatistas partirán das inmediacións do pantalán de mariscadores da Gándara ás 15.00 horas, percorrendo nos seus bateis –con catro regatistas e un patrón– diferentes tramos (cara á gasolineira das Pías) según as categorías, que van de alevín a veteráns. Por primeira vez, tal e como indicou Cabana, árbitros da Federación Galega de Remo regularán esta regata, na que a partir das 18.30 se procederá á entrega de premios –previsiblemente nas inmediacións da sede do clube, na Gándara– aos tres mellor clasificados da xeral.
O edil de Deportes de Narón, Román Romero, destacou a traxectoria deste clube naronés e animou aos veciños e veciñas a acudir a esta proba. O Club de Remo Narón cumprirá o vindeiro mes de setembro o seu vixésimo aniversario. O presidente da entidade destacou que na actualidade forman parte do mesmo setenta deportistas e valorou o feito de que neste último ano se rexistraron case trinta novas altas de socios colaboradores.