O Concello de Narón acollerá mañá a homenaxe á Muller do Ano 2017 con motivo dos actos do 8 de Marzo

O Concello de Narón conmemorará a partir de mañá con varios actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Ás 12.00 horas procederase a homenaxear na segunda planta do Consistorio á Muller do Ano 2017 de Narón, un recoñecemento a unha muller da localidade pola súa traxectoria e cuxo nome se dará a coñecer no propio acto, como é habitual. Presidirá a convocatoria o alcalde, José Manuel Blanco, que estará acompañado pola edil de Igualdade, Teresa Sabio, e polos portavoces da corporación local, tamén convidados. De igual xeito, a homenaxeada estará acompañada por outras persoas que, como en anteriores ocasións, actuarán de modo “cómplice” para darlle unha sorpresa. Pola tarde, ao anoitecer, tamén mañá se iluminará de cor malva a fachada do Pazo da Cultura.

Na propia xornada do 8 de Marzo o goberno local contará coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón. Os establecementos agrupados na entidade repartirán entre a súa clientela unhas bolsas de papel coas compras, co lema “Mulleres e homes por igual”.

Os actos continuarán na xornada do vindeiro xoves, día 9, coa presentación do libro “Machismos: de micro nada”, na Biblioteca municipal a partir das 19.00 horas. A publicación escribírona integrantes do colectivo “Fiadeiras”, vencelladas ao Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

O venres día 10 celebrarase no restaurante A Roldana, no polígono de Río do Pozo, a tradicional Cea da Muller, a partir das 21.30 horas. Será novamente nesa cea cando a Muller do Ano 2017 reciba unha segunda homenaxe, neste caso pública, acompañada por un grupo de mulleres que asistirán á convocatoria.

A última das actividades programouse para o día 16 de marzo no Centro Cívico Social da Gándara. A partir das 18.00 horas dará comezo un obradoiro informativo, sobre o “Servizo de atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero”.

As concellerías de Igualdade, Cultura e Bibliotecas de Narón colaboran na organización dos eventos programados este ano con motivo do 8 de Marzo.

Lea también

Xosé Miguel Mahía renunció al acta de concejal de Mugardos por motivo de estudios en el extranjero

La noticia, aunque no era oficial, se hizo real en la mañana de este miércoles, …