As novas instalacións da sala infantil e da bebeteca da Biblioteca de Narón abiránse o luns

Instante da inauguración – Concello de Narón

A alcaldesa accidental de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, visitaron esta mañá, con motivo do seu traslado, as novas instalacións da sala infantil e da bebeteca da Biblioteca municipal, que se localizan desde hoxe na planta baixa do edificio (con entrada pola parte traseira do acceso principal), se ben anteriormente estaban na planta principal. A convocatoria, á que asistiron representantes de varios grupos da corporación local e usuarios/as das citadas instalacións, consistiu nunha xornada de portas abertas que comezou ás 12.00 horas e se prolongou ata as 13.00, un tempo no que as nais e os pais coas súas fillas e fillos tiveron a oportunidade de coñecer este novo espazo. A sección infantil está orientada a público de ata 12 anos (en tres franxas de idade: de 3 a 6 anos; de 6 a 9, e de 9 a 12), mentres que a bebeteca a nenas e nenos de entre 0 e 3 anos. A partir do vindeiro luns, día 6 de marzo, as persoas interesadas poderán acudir á nova sala infantil e á bebeteca da Biblioteca municipal en horario de luns a venres desde as 17.00 ata as 20.00 e tamén os sábados de 10.00 a 13.00, tal e como recordou Mercedes Taibo.

As instalacións teñen unha superficie que ronda os cen metros cadrados, o que supón algo máis do doble do espazo que ambos servizos ocupaban ata o momento na planta superior do edificio, tal e como destacou Ferreiro. Outra das vantaxes da habilitación deste servizo no baixo é o feito de que os menores estarán aillados do resto de persoal que utiliza a planta principal da Biblioteca, o que lles permitirá ter un pouco máis de liberdade á hora de desenvolver as actividades pensadas para a súa idade.

En canto aos usuarios das instalacións, a alcaldesa accidental recordou que no ano 2016 o 79,66% das persoas que fixeron uso en sala da Biblioteca eran adultas, se ben o 20,34% restante correspondenuse con nenos e nenas de ata 14 anos. No que se refire á proporción de novas altas de socios, o número é, subliñou Ferreiro, considerablemente superior entre o público infantil nese mesmo ano. Tanto é así que un 63,82% das novas incorporacións de 2016 correspondéronse con nenos e nenas de ata 14 anos e o 36,18% restante con adultos. “Debido a estes datos, consideramos que este espazo máis amplo destinado ao colectivo era moi necesario e, ao tempo, o resto de usuarios da Biblioteca terán máis silencio na planta alta, ao separar este servizo destinado aos menores” asegurou Marián Ferreiro. A alcaldesa accidental agradeceu ás familias o feito de que, dixo “inculquedes ás vosas fillas e aos vosos fillos o hábito da lectura desde tan pequenos, porque lles será de moita utilidade a medida que sexan maiores”.

A finais de 2016 rexistrábanse un total de 16.389 socios na Biblioteca municipal de Narón, se ben a finais desta mesma semana a cifra situábase nos 16.479.

Persoal da Agrupación Cultural Musical Sementeira encargouse de amenizar a xornada, interpretando varias pezas durante o acto, unha iniciativa que agradeceron as edís naronesas.

Lea también

Fene mellora a rede de abastecemento na rúa Travesa e Camiño Inferniño

A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene aprobou o pasado 11 de abril …