Últimos días para apuntarse no obradoiro de radio que organiza o Concello de Fene

Cartel do evento – Concello de Fene

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé organiza en colaboración con Radio Fene o III Obradoiro de radio, co que se pretende achegarlle o medio á cativería e, ao revés, que a rapazada entre en contacto con el a través do xogo, a investigación e a creatividade sonora. A actividade oferta 12 prazas e vai dirixida a nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. Aínda quedan algunhas vacantes e o prazo para inscribirse finaliza o próximo martes, día 7 de marzo. Abonda con pasar pola biblioteca municipal –no Museo do Humor– ou chamar ao 981 342 303 en horario de tarde.

O taller de radio é unha proposta lúdica da Concellaría de Cultura que este ano usará como fío condutor o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra o 2 de abril.

Os contidos que se tratarán son moi variados e abranguen todo o proceso de produción, guionización e gravación dun espazo. Como conseguir unha noticia, como facer entrevistas, o xeito de redactar para a radio, a locución e outros aspectos abordaranse como un xogo práctico que, en último caso, busca converter a rapazada nun equipo capaz de sacar adiante un programa radiofónico. De feito, o obxectivo final da iniciativa é que os nenos e nenas graven o seu propio espazo para emitilo en Radio Fene.

O obradoiro impartirase na biblioteca municipal Xosé María Pérez Parallé os xoves 9, 16 e 23 de marzo entre as 16.30 e as 18.00h. mentres que o último día, o xoves 30, a actividade trasladarase ao estudio de Radio Fene con dúas quendas, unha de 16 a 17.30h. e outra de 17.30 a 19.00h. Nese último día será cando se grave o programa coa axuda da xornalista Almudena Marcosencargada da formación previa– e do técnico de son Xavier Fernández.

As inscricións deben facerse acudindo á biblioteca municipal situada na Casa da Cultura ou chamando pola tarde ao 981 342 303. Hai 12 prazas dispoñibles e para que a actividade vaia adiante será necesario cubrir polo menos a metade.

Lea también

Las entidades memorialistas de Ferrolterra pueden solicitar la incorporación al Consejo de la Memoria Democrática de Neda

Tras la aprobación del reglamento del Consejo de Memoria Democrática del Ayuntamiento de Neda, el …