O vindeiro domingo 5 de marzo, ás 12.00 horas, na capela do C.C. Torrente Ballester, ofrécese o espectáculo de dinamización lingüística para pequenos e pequenas que leva por título: «A galiña azul», cinco narracións orais en torno a obra do mesmo título de Carlos Casares, autor a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas 2017.
A entrada para esta adaptación é totalmente gratuíta, segundo informan dende o Concello de Ferrol. Pódense recoller os convites na billeiteira do Teatro Jofre, no horario habitual desde xa mesmo. As sobrantes, estarán a disposición das familias no lugar da representación o propio domingo, uns minutos antes do inicio. É unha actividade da concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol.
«A galiña azul» é o punto de partida desta adaptación teatral. Un libro escrito como unha carta a unha nena chamada Ana que marchou da vila cando era pequena. O rapaz que lle escribe cóntalle anécdotas e acontecementos que ocorreron dende que ela se foi: fálalle das amizades, do garda, do tolo… Son cinco relatos: “Querida Ana”, “O peixe da fonte do xardín”, “A bomba da felicidade”, “A galiña azul”, “A formiga esquiadora” e “O final da historia da galiña azul”. Narracións cheas de fantasía, de maxia, pero tamén de crítica social, pois a galiña azul simboliza o dereito a ser diferentes, á liberdade.
Os cinco relatos que se van entrelazando na proposta teatral teñen a vontade de transmitir as mensaxes que están no conto: a defensa da lingua, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. Para iso empréganse diferentes técnicas, como a narración oral, a manipulación de monicreques ou o clown. Todo pensado para que o público entre na “fantasía do real” e dende alí sinta todos os valores que hai detrás da proposta de Carlos Casares.