O sábado e o domingo «Exposición Nacional Canina Narón 2017» no recinto feiral do Trece

O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, acollerá este ano unha nova edición, a sexta, da «Exposición Nacional Canina Narón 2017». A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, presentou na mañá deste luns o evento en rolda de prensa acompañada por Javier Davila, presidente da Sociedade Cinolóxica Galega Expogal, e de Tiago Ferreira, da perrucaría canina Patacán. As actividades programadas sucederánse na tarde do sábado e o domingo todo o día e a organización prevé a asistencia de algo máis dun centenar de cans, tal e como avanzou Davila, que agradeceu a colaboración do Concello naronés.

Os organizadores apostaron este ano por innovar a programación, reservando a xornada do sábado 4 de marzo para actos destinados maioritariamente a xente da comarca. En concreto, tal e como apuntou Davila, enfocarase á perrucaría canina e ao coidado de cans. A partir das 17.30 horas dará comezo un taller de perrucaría canina, que será de balde e para o que non será precisa inscrición previa. “Vai un pouco enfocado aos nenos e nenas e ás súas mascotas, para que pregunten sobre as pautas e coidados dos seus animais”, explicou Ferreira.

Unha vez que remate o taller dará comezo o Concurso de mascotas, no que poderá participar calquera particular que o desexe coa súa mascota, pagando unha tarifa de tres euros e anotándose ata as 17.30 horas. Hai catro variedades: Miss, Mister, Pitufín e Kinkong, tanto para machos como para femias, independentemente do tamaño dos exemplares.

Fot. arch.

O domingo día 5 estará adicado aos cans de raza. Así o indicou Davila, recordando que se celebrará o Campionato Galego, comezando os xuízos ás 11.00 e desenvolvéndose ata as 13.30 horas. A final terá lugar ás 16.30 e a continuación procederase á entrega dos diferentes trofeos da convocatoria. Para participar no concurso haberá que apuntarse ata as 11.00 horas do domingo e pagar 20 euros.

Na «Exposición Nacional Canina Narón 2017», durante os dous días persoal especializado realizará recoñecementos de raza de mascotas ás persoas interesadas e tamén se ofrecerá asesoramento legal sobre a normativa de tenencia de animais, entre outras.

A edil naronesa animou á veciñanza a asistir a esta cita, “pensada tanto para os nenos e nenas, con actividades propias para as súas mascotas, como para toda aquela xente que queira participar dun xeito máis profesional neste evento”.

Nota: As persoas interesadas en obter máis información ao respecto poden contactar co presidente de Expogal, Javier Davila, chamando ao número de teléfono 637 521 932.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …