A comisión de Desenvolvemento territorial e do Medio do Concello de Fene reúnese este martes nunha sesión ordinaria que será aproveitada polo executivo local para presentarlles ao resto de grupos municipais o listado de actuacións que se propón financiar con cargo ao programa provincial POS+, cifrado en algo máis de 775.000 euros. O obxectivo do bipartito -que xa mantivo encontros coa oposición ao respecto no mes de decembro- é consensuar os investimentos que se van levar adiante tomando como punto de partida da negociación arredor dunha vintena de propostas recollidas nas xuntanzas que mantivo recentemente o grupo de goberno co tecido asociativo do municipio.
Boa parte das actuacións refírense a obras públicas, como é o caso da ampliación do cemiterio municipal, a mellora viaria en varios puntos de Fene e Perlío ou a intervención na rede de sumidoiros de San Valentín para separar a condución das augas fecais da das pluviais.
A lista incorpora deste xeito peticións formuladas polas entidades veciñais do territorio e tamén proxectos propostos polo equipo de goberno, aos que agora se lles queren incorporar tamén as iniciativas do resto de grupos municipais ou, alomenos, recabar o seu pronunciamento sobre o listado que se lles presentará este martes pola mañá no seo da comisión municipal de Desenvolvemento territorial e do Medio.
“O que presentamos é unha relación de obras, e a partir de aí decidir cales son as que entre todos vemos como máis importantes”, explicou Juventino Trigo. O alcalde informou tamén que o mércores haberá outra xuntanza para “ver detalladamente” a distribución global do programa provincial, é dicir, “os importes que irán a investimento, a gasto corrente e a amortización de débeda”. Neste sentido, o goberno local estima que arredor do 75% do total estaría dispoñible para investimento mentres que o 25% debería reservarse para o desenvolvemento de actividades e gasto corrente da administración.
Desde o executivo local lémbrase, ademais, que o POS+ 2017 é “un plan dinámico” que prevé incorporar remanentes económicos ás contas municipais durante este exercicio. Un incremento orzamentario que permitiría executar máis adiante algúns dos investimentos que queden fóra da primeira escolma que fagan entre mañá e pasado os grupos políticos locais. “Agardamos que esa cantidade de 775.000 euros se incremente notablemente e que se poidan incorporar ao longo do ano obras que agora non entren”, dixo Juventino Trigo.
A xuntanza ordinaria da comisión municipal de Desenvolvemento territorial e do Medio convocada para a mañá deste martes ten como obxectivo recabar o consenso dos cinco grupos da corporación para cumprir cos prazos que marca a Deputación. A comunicación das actuacións ao organismo provincial debe facerse antes do 24 de febreiro. A intención do goberno local é convocar un pleno extraordinario “na primeira quincena de febreiro” onde se ratifiquen os investimentos acordados previamente.