Concerto e Festa pecharán a programación de Nadal en Narón

O municipio naronés acolle hoxe novos actos do programa de Nadal, que está obtendo unha moi boa acollida por parteda veciñanza, á que desde o goberno local se agradece a súa participación e implicación. Tanto é así que onte pola tarde, acudiron ao espectáculo BBCircus, da compañía Asacocircus, -celebrado no Pazo- máis de setecentas persoas. As propostas desta tarde inclúen o tradicional Concerto de Fin de Ano de Sementeira, no que actuarán os integrantes da Banda Infantil e da Xove Banda de Narón, da Asociación Cultural Musical Sementeira. A entrada ao concerto, que dará comezo ás 20 horas no Pazo da Cultura, ten un prezo de dous euros e pode adquirirse na billeteira do Pazo.

Así mesmo, o Nadal Máxico trasladarase esta tarde á praza do colexio de Xuvia. Alí terá lugar unha festa de fin de ano infantil, Benvido 2017!, entre as 16:30 e as 20 horas aproximadamente. Os asistentes terán a oportunidade de participar nos obradoiros convocados no marco desta iniciativa e tamén haberá un espazo reservado para os máis pequenos con actividades e dous carros nos que se entregarán aos nenos e nenas, de balde, pombas de millo e algodón de azucre.

Ás 17 horas o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá hoxe a quinta edición do Encontro Municipal Interxeracional de Cantigas Populares, que este ano contará coas actuacións do Coro de Voces Brancas de Mugardos; o Coro Solidarium, do IES Terra de Trasancos, a Coral Municipal de Narón e a agrupación Machucambos, de Pontedeume.

E para rematar a semana, a noite do 31 de decembro ao 1 de xaneiro celebrarase na Praza de Galicia a tradicional Festa de Fin de Ano, que dará comezo cunha sesión de pirotecnia, a partir das 00:45 horas. A continuación, terá lugar a actuación da orquestra New York, nun dos escenarios da carpa instalada na citada praza. Ao remate da mesma, e noutro dos escenarios habilitados baixo a carpa, actuarán varios DJ´s. O Concello acolleu unha reunión na que participaron, ademáis de edís da corporación local, responsables da Policía Local, do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, e da empresa organizadora, para abordar a normativa requerida para este tipo de eventos, entre a que se contemplan, entre outras medidas, a prohibición da venda de bebidas alcohólicas a menores de 18 anos e o seu o acceso sen ir acompañados dunha persoa adulta.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …