O Padroado de Deportes de Narón abriu na mañá desde luns o prazo de inscrición nas actividades do programa DeporNadal, que se desenvolverá entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro na localidade. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que recordou que a proposta se dirixe a nenos empadroados en Narón de entre 6 e 12 anos. A oferta, que en todos os casos será en horario de mañá, inclúe este ano fútbol sala, tenis de mesa, tiro con arco, patinaxe, remo, natación, judo, balonmán, voleibol, baloncesto, xadrez, golf e padel.
Dependendo da modalidade elixida, desenvolveranse no polideportivo da Gándara, no Pavillón da Mocidade (Gándara), no pavillón de Campo da Serra (A Solaina), no Club de Golf Campomar, no Val, nas instalacións Padel San Mateo e PadelBy Fit, no polígono de Río do Pozo, e no local social do Alto do Castiñeiro. Os participantes nas diferentes actividades deben levar roupa axeitada para a práctica deportiva (no caso de Natación: bañador, gorro e chanclas e no de patinaxe son obrigatorios o casco e os patíns).
O primeiro día de actividade, o luns 26 de decembro, será no pavillón de Campo da Serra, donde haberá fútbol sala de 10 a 11:30 horas (Club Cidade de Narón) e tenis de mesa de 11:30 a 13 horas (Club Tenis de Mesa Narón); o día 27 a programación será no Pavillón da Mocidade, iniciándose con Tiro con arco (Club Arco Narón) na primeira hora e media e continuando con Patinaxe (ADC Gazapo), na última hora e media. O 28 de decembro será o turno de Remo (Club Remo Narón) e Natación (Agrupación Deportiva Náutico Narón), no polideportivo da Gándara, tamén de 10 a 11:30 e de 11:30 a 13 horas respectivamente. Esas mesmas horas reserváronse o xoves 29 para Judo (AD Judo Club Narón) e Balonmán (Club Balonmán Narón), tamén no polideportivo da Gándara e o venres 30 na primeira hora e media haberá Voleibol (Club Narón Bolea) e na segunda Baloncesto (AD Santiago Apóstol) nas citadas instalacións.
A segunda semana de DeporNadal comezará o 2 de xaneiro, con Xadrez (Círculo Xadrez Narón) de 10 a 13 horas no local social do Alto do Castiñeiro, e continuará o día 3 coa actividade de Golf nas instalacións do Club de Golf Campomar, no lugar de Vilacornelle (O Val), a cargo do citado clube. A programación rematará o día 4 de xaneiro con Padel, debendo estar os participantes de 6 a 9 anos ás 10 horas no PadelByFit, no polígono Río do Pozo e os de 10 a 12 anos á mesma hora nas instalacións do Padel San Mateo, rematando as clases en ambos casos ás 13 horas.
O edil de Deportes destacou que« se trata de actividades de balde, debendo ser os pais e nais dos participantes os encargados de levar aos seus fillos ás instalacións nas que se desenvolvan e recollelos ao remate das mesmas». Román Romero agradeceu a colaboración de todas as agrupacións e clubes deportivos que se implican no programa DeporNadal e animou aos nenos a inscribirse nestas propostas deportivas, «que lles permitirán gozar de múltiples actividades deportivas coindicindo co seu descanso polas vacacións do Nadal, iniciándose en diferentes modalidades ou perfeccionando aquelas que xa practican habitualmente».
As inscricións deben realizarse na conserxería do pavillón polideportivo da Gándara ata o xoves 22 de decembro, en horario de 9 a 13 e de 15:15 a 23 horas.