Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL) convocan conxuntamente o Certame Literario Carmela Loureiro destinado ao alumnado dos centros de ensino non universitario do Concello de Ferrol.
Tamén inclúe aos alumnos daqueles centros da comarca que formen parte da CENL, sempre que estean matriculados nalgún dos cursos correspondentes ás distintas categorías establecidas neste certame.
Poderán participar na modalidade de microrrelatos, de micropoesía e microteatro, esta última modalidade só para o alumnado de bacharelato e ciclos formativos. Os textos deberán estar escritos en lingua galega, deberán ser orixinais e inéditos e non poderán ter recibido ningún premio ou accésit noutro certame ou concurso.
O concurso constará de dúas fases; unha interna e outra intercentros. Na interna os traballos elaborados entregaránselle ao profesorado encargado deste concurso en cada centro educativo e será o propio centro quen decida a composición do xurado. Para a fase intercentros, os traballos seleccionados deberán entregarse nun sobre pechado. Cada centro pode presentar dous textos por cada categoría.
O prazo de entrega dos traballos en cada centro remata o venres 2 de decembro de 2016 e para a fase intercentros remata o 15 de decembro. O concello comunicaralles a todos os centros de ensino participantes o resultado do certame e publicarase na páxina web municipal e na da Coordenadora.
A entrega de premios e a presentación da publicación realizarase nun acto público no primeiro trimestre de 2017. O xurado estará composto por un representante da CENL, o Concelleiro de Normalización Lingüística Álvaro Montes, alumnos/as dos centros participantes e unha persoa destacada do mundo da literatura e da lingua.