As xogadoras do R.C. Deportivo da Coruña proclamáronse na noite desde xoves gañadoras da primeira edición da Copa Deputación de Fútbol Feminino, tras vencer por 7 goles a 0 á S. O Val de Narón na final deste campionato, celebrada no campo de fútbol de Sinde (Narón).
As xogadoras recolleron o seu trofeo de mans do deputado de Deportes da institución provincial coruñesa, José García Liñares, nun partido que contou tamén coa asistencia da deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, encargada de entregar o premio ao equipo subcampeón, e do deputado responsable da área de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto.
Por vez primeira, a Copa Deputación de fútbol, un dos torneos máis antigos e con maior participación de cantos se celebran en Galicia, tivo tamén este ano unha edición destinada aos equipos femininos da provincia, na que participaron un total de 19 clubes da 2ª División Nacional e 1ª e 2ª División da Liga Galega, que se repartiron preto de 30.000 euros en premios, segundo os seus resultados na clasificación.