A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presentou esta mañá xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana Díaz López, as novidades do Plan de vixilancia e control para a vespa velutina.
Tamén estiveron presentes o vicepresidente executivo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Manuel Mirás, e o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares, dado que entran a formar parte do dispositivo. De feito, a novidade deste ano está no aumento de coordinación entre todos os organismos e administracións implicados ao definir as diferentes unidades que participarán na retirada de niños, que agora terán distribuídos todos os concellos de Galicia.
«Aínda que non están afectados todos os concellos, a división inclúe a todos os municipios de Galicia para estar preparados de cara o futuro», explicou Do Campo, e engadiu que «a Consellería do Medio Rural encargarase de 82 concellos e Medio Ambiente doutros 26, aqueles que pertencen á Rede Natura. O resto están repartidos entre os GES e persoal dos propios concellos».
«Deste xeito, cando se produza unha chamada de alerta de niños, automáticamente enviarase ao persoal responsable desa zona evitando duplicidades. Ademais da eliminación ou inactivación dos niños, o equipo tamén será o responsable de recoller os datos e de incluílos nunha nova aplicación creada para tal fin. Así, centralízase tamén a recollida de información de todas as actuacións realizadas por cada unidade, o que será de gran utilidade de cara a observar a evolución desta especie», explicou Do Campo.
Estas novidades incorporáronse tras a creación do comité de seguimento da problemática da vespa velutina en outubro de 2015, co obxecto de mellorar a coordinación e supervisar todas as actuacións relacionadas con esta materia.
Formación e equipamento
Nesta comisión detectáronse tamén outras necesidades como a de formación e dotación de medios e ao longo dos últimos meses traballouse en ambas cuestións. Foi a Academia Galega de Seguridade Pública a responsable de formar tanto ao persoal de emerxencias como o do resto das consellerías, GES e voluntarios de Protección Civil, chegando a máis de 700 persoas. Respecto á dotación de medios, a Xunta de Galicia equipou tanto aos parques de bombeiros como aos GES e aos concellos colaboradores con preto de 600 traxes de protección e pértegas. Tamén se distribuíron nos concellos e entre os apicultores 3.075 trampas e botes de líquido atraente.
Ademais de colaborar neste equipamento, a Consellería do Medio Rural encargouse da divulgación e editou 6.000 folletos e 1.700 carteis informativos.
Investigación
Para seguir avanzando na loita contra esta especie preténdese apostar pola investigación. Neste senso, a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, avanzou que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio tramitará un acordo, en colaboración coa universidade galega, que terá como obxectivo estudar a bioloxía da vespa velutina en Galicia e o seus efectos, así como os posibles novos métodos de control deste insecto invasor. De tal xeito que «os mellores investigadores nos poidan ofrecer alternativas», declarou Díaz.
Os representantes da Fegamp, organismo que se incorpora ao comité de seguimento, agradeceron o compromiso da Xunta con este problema, xa que son os municipios os primeiros en detectar este insecto no seu territorio en en recibir as alertas dos veciños.
Balance
O plan de vixilancia e control da vespa velutina leva en funcionamento dende febreiro de 2014. No marco deste operativo en 2015 xestionáronse un total de 10.165 avisos de cidadáns e retiráronse ou inactiváronse 5.045 niños por parte da Xunta. A estes habería que sumar aqueles intervidos por outras entidades como concellos e asociacións co que se calcula que se chegaría aos 7.000.
No que vai de ano, dende o operativo do Goberno galego xestionáronse 1.359 avisos e actuouse en 768 niños. Hai que ter en conta, que moitos xa estaban inactivos xa que procedían da tempada anterior.