A concelleira de Benestar Social e Muller e tenente de Alcalde, Beatriz Sestayo, asinou na mañá deste martes cos representantes de Aspaneps -Asociación de Pais e Nais de Nenos/as con problemas psico-sociais- o convenio de colaboración polo que o Concello contribúe á realización dos programas «Ponte no meu lugar» e de Atención socio educativa, cunha cantidade económica de 40.000 euros.
No acto celebrado no Concello, Beatriz Sestayo puxo en valor o «labor magnífico» que realiza a entidade loitando pola «igualdade de oportunidades e integración» , cunha «directiva implicada e técnicos magníficas» que foi quen, ademais, de «aguantar en tempos moi duros» , tendo en conta que se tiña reducida a colaboración da administración local no pasado mandato. Quedou asinado, engadiu, un convenio que comprometeu que «terá continuidade con este goberno» .
O convenio de colaboración foi asinado para dous programas.
Ponte no meu lugar:
O obxectivo xeral é fomentar a tolerancia, a solidariedade e sensibilidade social da poboación infantil do Concello. De xeito específico perséguese sensibilizar e fomentar nos nenos e nenas o respecto ante as diferencias individuais e os límites de cada persoa.
Trátase de promover a relación e a cooperación con persoas con discapacidade como un xeito de coñecerse.
Durante o 2015 participaron neste programa 12 centros educativos de Ferrol (Lestonnac, Ponzos, Belén, Isaac Peral, Recimil, San Xoán, Juan de Lángara, A Laxe, Cruceiro de Canido, Valle Inclán, Pazos e Manuel Masdías).
Atención socio educativa e familiar.
O obxectivo xeral é apoiar, orientar e asesorar a menores que teñen dificultades que poñan en risco o seu benestar persoal e a súa integración socio-educativa.
Téntase favorecer a integración de cada un dos nenos e nenas e orientar ás familias.
Ó longo do ano 2015 participaron 36 menores dos que 14 eran nenas e 22 nenos, que foron atendidos por cuestións como discapacidade e trastornos no desenrolo, dificultades específicas de aprendizaxe, inadaptación escolar, problemas de relación ou malestar emocional ou de comportamento.
Na sinatura do convenio de colaboración participaron Francisco Díaz, director técnico da entidade, e Juan Luis Dapena, vicepresidente, que agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol, despois de que en anos pasados tiveran que recortar un «25% os salarios dos seus traballadores» .