Política Social e Abanca asinan a renovación do Carné Xove

canet jovenO conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o director de banca institucional de ABANCA, Santiago Novoa García, asinaron ma mañá deste venres un convenio para renovar a colaboración das dúas partes na promoción e difusión do programa Carné Xove, que a día de hoxe conta cun total de 49.874 beneficiarios e máis de 3.000 establecementos adheridos en toda Galicia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, tamén participou neste acto de sinatura que se desenvolveu na sede territorial da Xunta de Galicia en Ferrol.

Rey Varela explicou que a finalidade do Carné Xove é facilitar á xente nova con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos (ambos incluídos) o acceso a bens e servizos en tódolos ámbitos: cultural, aloxamento, transportes, comercial, ocio, ensino, etc.; nunhas condicións máis favorables mediante descontos e outras vantaxe. Así mesmo, os titulares teñen dereito a rebaixas nas iniciativas que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, tales como a Campaña de Verán, programas de mobilidade e ocio alternativo; actividades na neve e diferentes cursos e accións formativas. Ademais, estas vantaxes non se limitan aos 3.040 establecementos de Galicia apuntados a este programa, senón que tamén se obteñen no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos que forman parte do mesmo. E, ao fío do carácter europeo deste programa, o responsable de Política Social lembrou que esta iniciativa conta con 29 anos de historia dende a súa orixe no Protocolo de Lisboa de 1987, no que se sinala como beneficiarios aos mozos e mozas europeos de entre 16 e 26 anos, se ben en Galicia esta franxa estendeuse ata os 30 anos.

Pola súa banda, o director de Banca Institucional de ABANCA subliñou que «o Carné Xove é un produto que encaixa perfectamente co noso papel como entidade comprometida co futuro de Galicia e sensibilizada coa xente máis nova» . «Por iso é indispensable para nós renovar un convenio que facilita o acceso a unha tarxeta que é moito máis que un medio de pago: configúrase como un pasaporte a moitas outras experiencias que marcarán a vida deste segmento da poboación» , destacou Santiago Novoa.

O convenio asinado hoxe terá unha vixencia de dous anos e contempla unha achega total por parte de ABANCA de 180.000 euros -90.000 euros por exercicio-, que se destinará a actividades de promoción, difusión e publicidade do Carné Xove; captación e renovación de acordos con entidades colaboradoras e accións para a xuventude encamiñadas á captación de novos titulares. Asemade, a entidade financeira subscribirá un seguro de asistencia en viaxe para todos os posuidores do carné. O Carné Xove é unha tarxeta persoal e intrasferible que se pode tramitar nas oficinas locais de Xuventude da Xunta de Galicia e nas oficinas de ABANCA.

Lea también

Ortigueira, galardonada en el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’

El Concello de Ortigueira ha sido reconocido con el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’, un …