O Auditorio de Narón acolle o encontro das Escolas de Folclore de Betanzos e Narón

O Auditorio de Narón acollerá o vindeiro sábado 14 o Encontro da Escola Municipal de Folclore (EMUF) de Betanzos e a Escola de Gaita e Pandeireta do Padroado da Cultura de Narón. O acto enmárcase no intercambio musical realizado entre os dous colectivos e que levou o pasado 8 de abril á Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón a actuar coa EMUF no Edificio Liceo de Betanzos.

A vicepresidenta do Padroado e edil de Cultura, Marián Ferreiro, destacou a importancia deste tipo de intercambios musicais en canto que «permiten coñecer o traballo que se realiza no ámbito cultural noutros concellos de Galicia e impulsar a súa actividade por diferentes localidades».

O programa dará comezo ás 10:30 horas coa chegada dos integrantes da Escola Municipal de Folclore de Betanzos á Casa da Cultura de Narón. Media hora máis tarde terá lugar a concentración das dúas agrupacións, a betanceira e a naronesa, e a afinación das respectivas bandas na Praza de Galicia para ás 12 horas comezar as actuacións no Auditorio municipal.

A Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a Escola de Música Tradicional do Padroado da Cultura disporán de media hora para as súas actuacións. No caso da primeira formación, os grupos de iniciación de pandeireta interpretarán o Pasodobre e Valse de Combarro (Santa Comba); os de pandeiretas medianas a Ruada en Beariz (Ourense) e o de Pandeiretas do G. Azougue de Betanzos Serán en Caroi (Cotobade, Pontevedra), para a continuación actuar a Banda de Gaitas da EMUF de Betanzos.

Así mesmo, da Escola de Música Tradicional do Padroado da Cultura de Narón actuarán o grupo de pandeiretas de Sedes, que tocará a Ruada en Coedo (Allariz, Ourense); o grupo de pandereteiros do Pazo, con Ruada en Ventoselo (A Lama, Pontevedra); o grupo de pandereteiras do Grupo Alxibeira, con Canto e rumba de Gargamala (Mondariz, Pontevedra); este último grupo e o Grupo Azougue, con Canto e xota de Laxoso (Castro Caldelas, Pontevedra); a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón; os grupos de pandereteiras do Padroado e EMUF, que conxuntamente tocarán a Muiñeira corrida de Limiñoa e, finalmente, todos os participantes tocarán Arroz con chícharos.

Finalizado o Encontro, sobre as 13 horas, serviranse uns petiscos de confraternización no Auditorio municipal.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …