A Concellería de Cultura e Ensino de Fene organiza para este venres, un recital poético en lembranza de Manuel María, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. No acto, previsto para as 19 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, participarán representantes do movemento asociativo do concello e dos grupos municipais.
Concluído o recital, está prevista unha actuación musical a cargo da cantante María Manuela e do músico Xurxo Varela. Entrada libre e de balde.
O recital «Homenaxe a Manuel María» e o concerto de María Manuela e Xurxo Varela, previstos para este venres na Casa do Concello de Fene, encádranse no ciclo «Maio, Mes das Letras» que organizan o Concello de Fene e as sociedades Liga de Amigos de Barallobre, ACRD O Pote, AVV de Limodre, AVV «San Xurxo» de Magalofes, CMI de Fene, CPS de San Valentín, SCRD Agarimo de Sillobre e CCRD de Perlío.
O programa, recollido nun folleto que editou a Concellería de Cultura e Ensino e que foi distribuido polas oito parroquias de Fene, pretende dar a coñecer as tres efemérides que se xuntan neste ano 2016: o Día das Letras Galegas, o centenario da fundación das Irmandades da Fala e o Ano Castelao.
Cantante e pintora ferrolá, María Manuela comezou a súa carreira musical a mediados dos anos 70. En 1975 publicou o seu primeiro LP, «Cantigas ao meu xeito». Dende o ano 1977 formou un dúo co seu esposo, Miguel Tranquilo, con quen gravou seis discos. Tralo falecemento de Miguel, María Manuela retomou a súa carreira en solitario. En 1999 publicou o disco «Para Miguel» e colaborou na gravación do álbum «Sempre mar», do colectivo Burla negra.