A Xunta dixitaliza as aulas dos centros educativos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

digitalizacionUn total de 48 centros educativos públicos de 19 concellos Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal se beneficiaron da dixitalización de aulas que vén de completar a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A Administración autonómica investiu nestas comarcas un total de 661.189 euros na instalación de kits de aulas dixitais, compostos por encerado dixital interactivo, vídeo proxector, ordenador portátil para o posto de profesor, ademais da conectividade da aula.

Nos últimos meses a Xunta completou a instalación dun total de 4.000 kits destas características en 700 centros públicos, beneficiando a 70.000 estudantes, unha actuación na que se investiron preto de 11 millóns de euros. Con esta actuación a Xunta completou a todas as aulas públicas dos cursos 5º e 6º de Primaria, 1º,2º,3º e 4º da ESO e Bacharelato. Deste xeito, 120.000 alumnos e 6.000 aulas de preto de 900 centros públicos estudan en aulas dixitais.

Esta segunda fase da dixitalización, enmárcase no Proxecto Abalar, que se vén desenvolvendo desde 2010 con actuacións en catro eixos: a mellora da conectividade nos centro públicos de Galicia; a dixitalización das aulas coa dotación de kits de aula dixital; a transformación do libro en papel aos contidos dixitais con e-Dixgal e o desenvolvemento de ferramentas de comunicación entre os membros da comunidade educativa (espazoAbalar e abalarMobil)

100% dos centros con conexións a 100 Mbps en dous anos

A mellora da conectividade é chave no proceso de dixitalización das aulas. Nos últimos seis anos multiplicouse por dez a velocidade media de conexión a rede dos centros públicos de Galicia, que pasou de 5,36 a 58,65 Mbps.

Actualmente, máis de 370 centros dispoñen de conexión a rede con velocidades superiores a 100 Mbps e chegarase a máis de 430 centros ao longo do 2016 (o 38% do total de centros públicos).

En decembro de 2015 asinouse un convenio con Ministerio de Educación e Red.es para dotar de conexión a 100 Mbps a todos os centros públicos ao remate de 2017. O acordo permitira un investimento do Estado de 17,1 millóns de euros aos que a Amtega sumará outros 2 millóns de euros.

e-Dixgal

Abalar é un proxecto que, desde 2010 está a transformar a aula tradicional en dixital, coa colaboración de toda a comunidade educativa, docentes, alumnos e familias. O pasado curso Abalar deu un paso máis cara unha educación integramente dixital coa posta en marcha da plataforma de aprendizaxe virtual e-Dixgal con contidos dixitais online e off-line, gratuítos para as familias.

Neste curso 2015/16 traballan de xeito diario con contidos dixitais preto de 6.000 alumnos de 5º e 6º de educación primaria e 1º de educación secundaria, e máis de 1.000 profesores de 104 centros públicos e concertados, que contan todos eles con aulas Abalar cun ordenador por alumno. No vindeiro curso a previsión é que máis de 7.500 alumnos se beneficien de e-Dixgal.

abalarMóbil

No marco do proxecto Abalar desenvolvéronse ferramentas para facilitar a comunicación entre os membros da comunidade educativa como o portal espazoAbalar e a app abalarMobil.

espazoAbalar permite ao profesorado e as familias comunicarse e acceder a información sobre a evolución dos seus fillos no centro dende calquera ordenador. abalarMobil permite facer ese seguimento dende un dispositivo móbil (smartphone ou tablet). Actualmente, abalarMobil estase a empregar en 236 centros educativos de Galicia, beneficiando a máis de 10.000 profesores e preto de 90.000 alumnos e as súas familias. A aplicación está dispoñible para Android e IOS con preto de 20.000 descargas en 2015.

Lea también

Neda rinde tributo a las madres del municipio agasajando a dos de las más longevas

Una casa de la cultura abarrotada acogía al anochecer del viernes, la primera edición del …