Cando se cumpren 20 anos do seu pasamento, o vindeiro sábado 2 de abril a SGHN de Ferrol organizará unha homenaxe á memoria do botánico Xabier Sóñora, tristemente falecido no ano 1996.
O acto levarase a cabo no local da entidade e inclúe unha presentación no salón de actos sobre a súa persoa e a súa obra como botánico e naturalista.
Sóñora, ademais de ocupar durante anos o cargo de delegado da entidade en Ferrol, foi botánico para a USC, desde a que deixou como legado numerosos traballos científicos e divulgativos que, aínda a día de hoxe, forman parte da bibliografía actual de numerosos autores e especialistas.
Na homenaxe, sinxela pero sentida, pretendemos resaltar a súa labor científica e divulgativa e, conxuntamente con elas, coñecer o seu lado máis familiar e persoal. Por esta mesma razón, estarán presentes familiares, amizades, colegas, compañeiras e compañeiros, tanto da propia USC, como doutras facetas e etapas da súa vida.
No acto tamén se fará a presentación dun pequeno vídeo con imaxes sobre el e a súa vida, para o que estivemos a recoller diverso material fotográfico e de vídeo.
Ao longo do acto, o seu amigo, mestre e escritor Antón Cortizas, presentará o seu libro Nos páramos da Lúa. Esta obra foi editada pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento e dedicada polo propio autor á persoa de Xabier Sóñora.
A entrada ao acto é de balde, aínda que o aforo é limitado.
Con respecto á programación, achegamos este breve cronograma do acto:
Horario de mañá:
– 11:30 Presentación do acto.
– 11:45 Pase de vídeo conmemorativo.
– 12:00 Presentación dunha pequena exposición con algunhas das súas pertenzas.
– 13:00 Presentación do libro dedicado a Xabier Sóñora: Nos páramos da Lúa, de Antón Cortizas.
Horario de tarde:
– 17:30 Rolda de lecturas, comentarios, lembranzas e anécdotas, das persoas que así o consideren.